O CITIC estará presente no Multi-Foro Industria 4.0

luns, 2 de maio do 2016 Redacción

Os días 9 e 10 de maio vaise celebrar na nosa terra o Multi-Foro Industria 4.0, un encontro que ten a finalidade de impulsar a adaptación das empresas industriais ás tecnoloxías da Industria 4.0. Estas tecnoloxías, como lembraremos, son o piar e a ferramenta dunha maneira de producir intelixente (arestora en fase de afianzamento) que se basea nas fórmulas do colaborativo e da procura das máximas rendibilidade e eficiencia nos procesos de produción. A cita contará con representantes dos gobernos galego e estatal, presentando os detalles da folla de ruta da Industria 4.0 para ámbalas administracións. Participarán empresas como Indra, Telefónica, Navantia ou Grupo PSA e entidades como GAIN, o CESGA, Gradiant, AMTEGA e o Centro de Investigación TIC (CITIC).
Segundo informa o CITIC, o centro estará presente no Multi-Foro dado que está “aliñado coa estratexia da Xunta en materia de Industria 4.0”. Isto implica, entre outras cousas, o apoio do CITIC a proxectos abeirados á dita etiqueta 4.0, contribuíndo ao impulso das empresas (melloras nos seus procesos produtivos, optimización dos seus fluxos de traballo, pulo á competitividade, etc) mediante Investigación e Desenvolvemento de seu. “O CITIC”, engade o centro, “como axente de I+D que ten participado na definición da RIS3 Galicia (Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia) a través dos grupos de traballo, apostou pola modernización da industria galega como un dos seus piares de referencia”.
Volvendo ao Multi-Foro, lembrar que se vai artellar en catro foros temáticos, a desenvolver durante os días 9 e 10 de maio nas sedes de GAIN en Santiago e en Ferrol (CIS Galicia). De maneira paralela, habilitarase unha sala de exhibición onde os asistentes poderán coñecer o primeiro prototipo galego de coche autónomo e de UAV (Vehículo Aéreo non Tripulado), ver como funciona un robot colaborativo, presenciar un proceso de deseño 3D e fabricación dixital, coñecer tecnoloxías de impresión 3D (bioimpresión) ou probar novos dispositivos de realidade virtual que se lanzarán ao mercado en 2016. Por temáticas, estas serán as principais no Multi-Foro: nanotecnoloxía, robótica, fabricación aditiva, impresión en 3D, bioimpresión, realidade virtual, realidade aumentada, simuladores, computación, UAV ou drons.

PUBLICIDADE