O CITIUS achega as pautas para desenvolver intelixencia artificial aos estudantes de Santiago

mércores, 30 de maio do 2012 Fernando Sarasketa

Diferentes máquinas intelixentes baseadas no modelo Pioneer 3 DX, da man da Universidade de Ciencias Aplicadas de Ulm, Alemaña

É posíbel desenvolvermos un robot sen necesidade de acadar grandes investimentos e sen que sexa preciso desprazármonos aos grandes centros de desenvolvemento mundiais de robótica? Temos ao noso alcance esa realidade? Todo apunta a que si, e cara a este obxectivo de promover estes desenvolvementos e investigacións entre a mocidade galega é cara a onde apuntan actividades como a que organiza este venres 1 de xuño o Centro de Tecnoloxías da Información da Universidade de Santiago, o CITIUS, unha convocatoria de difusión tecnolóxica baixo o seguinte título: ObradoiroBOT: xogos cun robot móbil guiado por intelixencia artificial.
A cita non será no CITIUS, senón no IES Rosalía de Castro, de Santiago, o que amosa ás claras a vontade dos organizadores de achegárense ás novas xeracións. A actividade, máis polo miúdo, vai dirixida a estudantes de cuarto curso da ESO que están a cursar a materia Tecnoloxía, así como a rapazas e rapaces de primeiro e segundo de Bacharelato. A sesión desenvolverase en horario de 9.30 a 11.30 horas.
O obxectivo xenérico da actividade, informa o CITIUS, é que os asistentes “poidan aprender algunhas das bases tecnolóxicas da robótica móbil dun xeito participativo e lúdico”. Isto collerá corpo a través de diferentes obradoiros nos que a rapazada poderá dar conta, entre outras cousas, dos fundamentos que permiten dotar a un robot móbil de
capacidade sensorial, da posibilidade de realizar percorridos dun xeito intelixente ou como interactuar co robot mediante comandos visuais que guíen as súas actividades. Nos talleres usaranse robot móbiles reais Pioneer 3DX e 3AT, de MobileRobots.
O programa inclúe, máis polo miúdo, un relatorio sobre como fabricarmos máquinas intelixentes (a cargo do profesor e catedrático de Ciencia da Computación Senén Barro) un obradoiro sobre intelixencia ambiental (centrado nos principios funcionais básicos da intelixencia artificial), un taller sobre interacción xestual co robot (baseado en amosar os últimos avances en interacción usuarios-robot) e unha actividade formativa arredor da aprendizaxe automática (que servirá para probar o funcionamento dos algoritmos da técnica de intelixencia artificial coñecida como aprendizaxe por reforzo e que se basean, como o seu propino indica, en achegarlles ás máquinas a posibilidade de aprender).
Participantes, día, lugar e hora
A primeira edición desta actividade terá lugar no IES Rosalía de Castro (Santiago de
Compostela) o vindeiro venres 1 de xuño entre as 9:30h e as 11:30h, e vai dirixida a estudantes do Centro de 4º ESO que están a cursar a materia Tecnoloxía, así como a
estudantes de 1º e 2º de Bacharelato. Os obradoiros desenvolveranse no Pavillón Polideportivo do Centro. Nesta ocasión os talleres irán precedidos da conferencia introdutoria É posible fabricar robots intelixentes?, pronunciada polo profesor Senén Barro Ameneiro, catedrático de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial da USC e investigador no CITIUS.
Outras edicións da actividade
Durante os meses de xuño e xullo realizaranse novas edicións desta actividade en diversas localizacións que se irán anunciando na web do evento. A seguinte actividade a desenvolver será o venres 8 de xuño no CEIP Pío XII de Santiago de Compostela, no que se levará a cabo tamén un novo taller denominado Gimcana, no que os participantes (nenos de 5º e 6º de Primaria) poderán participar nun concurso de guiado do robot Pioneer 3DX por un circuíto.
Organización
Esta actividade de difusión científico-tecnolóxica está organizada pola Unidade de Sistemas Intelixentes do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información da USC (CITIUS) e conta co cofinanciamento do programa de axudas para o fomento da cultura científica e da innovación da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT).

PUBLICIDADE