O CITMAga traduce os sons procedentes do fondo da costa galega en datos numéricos

luns, 28 de outubro do 2024 S. P.

A caracterización numérica do fondo mariño empregando datos hidroacústicos é un dos proxectos nos que están a traballar no CITMAga (Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia), impulsado polas tres universidades galegas, integra todas as capacidades científicas desta disciplina na nosa comunidade. Trátase dunha acción integrada no Decenio 2021-2030 das Ciencias Oceánicas para o Desenvolvemento Sostíbel da ONU.
Indo ao proxecto en cuestión, este atópase inserido nunha das áreas de investigación do centro que é a sustentabilidade, tratando de avanzar na comprensión dos fenómenos ambientais e na loita contra o cambio climático. En relación a este eido, estudan os variábeis procesos ambientais e ecolóxicos nas contornas costeiras, provocados pola situación climática.
É unha iniciativa de traballo conxunto dun equipo multidisciplinar formado por persoal investigador das áreas de Matemática Aplicada das universidades da Coruña e Trento (Italia), Estatística da Universidade de Santiago, Física Matemática da UNED e Ciencias do Mar da Universidade de Vigo. O equipo está coordinado por Andrés Prieto, investigador e docente do departamento de Matemáticas da facultade de Informática da Universidade da Coruña e vencellado ao CITMAga. O proxecto conta co apoio do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.
O investigador da UDC explica que o obxectivo desta iniciativa é fomentar o deseño, a implementación e o uso de ferramentas baseadas en xemelgos dixitais para monitorizar a natureza física do fondo mariño, empregando para iso datos hidroacústicos. “A finalidade é poder analizar e predicir os fenómenos complexos que actúan sobre os ecosistemas mariños” -sinala-. Céntranse nos ambientes submarinos costeiros, “que son particularmente complexos á hora de deseñar e implementar metodoloxías técnicas efectivas que permitan avaliar a saúde dos seus ecosistemas e a súa evolución estacional”. Nesta senso, Prieto apunta que ”as medicións hidroacústicas son a clave para monitorear a natureza do fondo mariño nas zonas costeiras, rexións especialmente afectadas polas actividades humanas e os fenómenos extremos”.
O investigador sinala que “a contorna submarina é heteroxénea e complexa pola súa propia natureza, pero os seus elementos xeofísicos e biolóxicos poden modelarse matematicamente. Para iso empréganse métodos numéricos que permiten calcular a resposta acústica dunha configuración específica do fondo mariño”.
O proceso para levar a cabo a caracterización numérica do fondo mariño é o seguinte. Primeiro realízanse medidas experimentais en diferentes localizacións mediante unha ecosonda situada sobre a superficie do mar, coa finalidade de escoitar o océano. Os sinais acústicos viaxan até o fondo, eses sinais rebotan e rexístranse nuns ecogramas, de xeito que os sons se converten en imaxes. E, finalmente, co modelo dixital desenvolto polo equipo, calcúlanse numericamente as características do fondo mariño. “Isto permite realizar unha clasificación e unha cuantificación das propiedades dos fondos mariños, posto que cada tipo de fondo ten unha firma acústica diferente”, segundo o experto do CITMAga.
Andrés Prieto explica que existen batimetrías, que se poden ler como mapas de relevo do fondo do mar e indican a profundidade á que se atopa, pero non o seu estado nin os elementos que hai no mesmo. Así, os investigadores están a desenvolver diferentes ferramentas dixitais de cálculo, que, a partir dos datos hidroacústicos, posibilitan extraer moita información e levar a cabo unha caracterización numérica do fondo mariño, co fin de poder coñecer o seu estado e mesmo poder predicir a súa evolución no tempo.
Para concluír, o investigador do CITMAga afirma que con esta idea disporase de ferramentas numéricas capaces de clasificar e analizar o estado dos fondos mariños na costa galega, feito que suporá un avance en canto a ter datos como o espesor da area, a presenza de lodos ou de algas…, ou sexa, coñecer a evolución da paisaxe baixo diferentes eventos estacionais e extremos como poden ser inundacións ou corrementos de terra mariños. Asemade, terase a capacidade de cuantificar a presenza e a concentración de bivalvos e outros recursos en determinadas áreas do litoral, de cara a contribuír á toma de decisións relativas á xestión dos recursos e das actividades que se realizan na costa, entre outros aspectos.