O CNTG acolle este xoves un foro de emprego organizado polas Lanzadeiras de Santiago, Redondela e Marín

martes, 22 de novembro do 2016 Redacción

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (o CNTG, con sede en Santiago) vai acoller este xoves 24 de novembro un foro de emprego organizado polas Lanzadeiras de Compostela, Redondela e Marín. Segundo informan, o evento desenvolverase baixo o epígrafe Sinerxías para o emprego e servirá, entre outras cousas, para conectar a setenta persoas desempregadas que participan no programa con empresarios e responsábeis de recursos humanos. Lembrar que as devanditas palestras laborais, xunto coas de Lugo, Ourense e Arteixo, forman parte da edición galega das Lanzadeiras de Emprego, unha iniciativa da Fundación Telefónica e a Fundación Santa María A Real para impulsar na nosa Comunidade (e no resto do ámbito estatal) a capacitación innovadora e tecnolóxica dos profesionais de cara ao mercado de contratación. A vertente galega do programa ten o apoio da Xunta.
Como recordaremos, as iniciativas de Santiago de Compostela, Redondela e Marín comezaron a funcionar a finais de xuño para axudar a 71 persoas desempregadas a adestrar unha innovadora procura de traballo (colectiva, solidaria, proactiva e con novas ferramentas) “acorde ás necesidades que presentan as empresas hoxe en día”.
Tras varios meses de adestramento e na recta final do programa, os participantes das tres lanzadeiras quixeron sumar os seus esforzos para organizar este xoves o foro de emprego Sinerxias para ou Emprego, co que queren cumprir un triplo obxectivo: darse a coñecer como profesionais cun talento renovado; contactar de forma directa con empresarios e recrutadores; e acadar unha nova oportunidade laboral.
O encontro comezará ás 9:45 horas no auditorio do Centro de Novas Tecnoloxías, e continuará desde as 10 até as 11:30 horas cos relatorios de Galejobs, Corporación Noroeste e Programa Santander-Yuzz. Logo celebrarase un espazo de networking entre participantes de lanzadeiras, especialistas, empresarios e responsábeis de recursos humanos, “con obxecto de que poidan conversar e ampliar información sobre os procesos de selección que se organizan a día de hoxe, en que sectores, para que perfís, con que requirimentos e demandas, etc”.
De 12:30 a 13:30 horas, levarase a cabo a mesa redonda Sinerxías para o emprego, que contará coa intervención de varios participantes das lanzadeiras e empresarios locais, moderados por Carla Reyes Uschinsky, presidenta da Asociación de Executivas de Galicia.
O foro chegará ao seu remate a partir das 13:30 horas, coa proxección dos “mellores momentos vividos” e polos logros acadados polas Lanzadeiras de Emprego de Redondela, Marín e Santiago. Falamos de Re[d]lánzate, Red Marín e SCQ Adiante. Minutos despois será o intre da clausura institucional, con representantes da Fundación Telefónica, a Fundación Santa María A Real, o Concello de Marín e a Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE