O COETG-AETG convoca unha nova entrega dos Premios Galicia das Telecomunicacións

martes, 29 de xullo do 2014 Redacción

O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG) convocaron unha nova edición dos Premios Galicia das Telecomunicacións 2014, galardóns que como de costume serán entregados no marco da Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, que xa vai pola súa 19 edición. O evento terá lugar o 24 de outubro de 2014 no Gran Hotel da Toxa, baixo o epígrafe Sociedade Dixital e Saúde. Como é de agardar e tendo en conta este lema temático, a Noite servirá entre outras cousas para amosar ante o mundo o incríbel potencial das nosas empresas TIC e os seus desenvolvementos á hora de optimizar e impulsar a atención médica, a asistencia e mesmo a procura de novos fármacos e tratamentos.
Os devanditos recoñecementos divídense en catro categorías. Por unha banda, a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia convoca o Premio Gerardo García Campos á mellor iniciativa empresarial no sector TIC 2014, patrocinado pola Fundación homónima e dotado con 6.000 euros. Trátase dunha iniciativa que recoñece aqueles proxectos empresariais emerxentes no ámbito das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) que representen unha innovación, coa finalidade de darlles un impulso económico, empresarial e social a aquelas empresas que están empezando a súa andaina.
Asemade, a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia convoca o Premio Gradiant á mellor tese doutoral aplicada ao sector TIC 2014. Coa concesión desta distinción preténdese fomentar a realización de teses doutorais con potencial de achegar valor no mercado como vehículo de xeración de coñecemento e recoñecer a aqueles investigadores das universidades galegas que teñan completada a súa tese doutoral nun eido aplicable ao sector TIC.
A entidade organizadora este certame tamén presenta o Premio INEO ao produto ou servizo TIC máis innovador do 2014, patrocinado pola Asociación Multisectorial de Novas Tecnoloxías da Información e Comunicación (INEO). Este galardón está destinado a recoñecer ás empresas que estean a contribuír ao impulso do sector galego das TIC e a dinamización da Sociedade da Información e o Coñecemento en Galicia.
Por último, temos o Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais 2014, que xa se vén concedendo dende hai algúns anos xunto co resto de galardóns (no marco da Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información) polo COETG/AETG en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) da Xunta de Galicia. O recoñecemento publícase por primeira vez este ano con carácter aberto, brindando a posibilidade de presentárense a todas aquelas persoas ou entidades que se consideren merecedoras dun premio que pretende distinguir iniciativas de innovación social de base tecnolóxica que desenvolvan solucións TIC no eido da accesibilidade e as TIC apoiando a igualdade de oportunidades, a inclusión dixital e/ou dean resposta ás demandas sociais dirixidas á mellora da saúde, da autonomía persoal e do benestar e a calidade de vida. Toda a información sobre as convocatorias dos premios está dispoñíbel na nova web corporativa (con novo dominio galego).

PUBLICIDADE