O CPEIG celebrou a Noite da Enxeñaría en Informática destacando que as TIC marcan o camiño para saír da crise

venres, 28 de outubro do 2011 Marcus Fernández
JPEG - 45.8 KB
Fernando Suárez deu a benvida á III Noite da Enxeñaría en Informática

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrou esta noite o seu encontro anual, que serve de punto de encontro de colexiados, membros do sector TIC, representantes das distintas Administracións e do eido académico para reivindicar a profesión informática. Fernando Suárez Lorenzo, presidente do CPEIG, recibiu aos convidados, aos que dirixiu unha palabras de benvida, nas que non esqueceu a recentes perdas humanas no sector: “Perdemos a Jobs, Ritchie e McCarthy. Steve Jobs, cofundador e presidente de Apple; Dennis Ritchie, creador da linguaxe C, fundamental para o actual sistema operativo Linux; e John McCarthy, pai do concepto de intelixencia artificial, son tres homes que pasaran á historia da informática e á historia universal”.

JPEG - 181.7 KB
O presidente da Xunta captado pola cámara de María Encinar na Noita da Enxeñaría en Informática

Pero Suárez tamén quixo destacar que “malia á crise, o sector TIC apostou pola innovación como medio para saír dela. No contexto actual de incertezas económicas, o que ninguén dubida e da necesidade de mellora da competitividade como medio fundamental para despexar as néboas que nos atenazan. Todos coincidimos no papel primordial das TIC para darnos luz no camiño cara á mellora económica de Galicia e de España”.
A este encontro acudiron o alcalde de Santiago de Compostela, Gerardo Conde Roa; o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez; os reitores da USC e da UDC, Juan Casares e José María Barja; a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira; e mesmo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo; deixando constancia a importancia que se lle dá ao traballo que desenvolven os enxeñeiros en informática na sociedade actual.
A Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia incluíu a entrega dos premios anuais do colexio, cos seguintes galardoados:

Daniel Fernández Núñez recibiu o recoñecemento do CPEIG polo seu proxecto de fin de carreira
- Premio Proxecto Fin de Carreira: Daniel Fernández Núñez.


- Premio Comunicación Informática: Código Cero.


- Premio á Facultade de Informática da Coruña polo seu 25 aniversario.


- Premio á Traxectoria Profesional: Juan Pazos Sierra, primeiro doutor en Informática e catedrático de Enxeñaría do Coñecemento de España. Foi director do primeiro laboratorio de intelixencia artificial de España.


- Premio Iniciativa Empresarial: saída da consultora tecnolóxica Altia ao Mercado Alternativo Bursátil (MAB).


- Premio Iniciativa da Administración: proxecto ABALAR, Xunta de Galicia.


- Premio Iniciativa Emprendedora: Iniciador Galicia. Punto de encontro para os emprendedores TIC galegos que xa conta con más de 25 eventos, máis de 1.200 asistentes, máis de 900 seguidores por streaming, 1.700 followers en twitter e 350 seguidores en LinkedIn.

PUBLICIDADE