O CPEIG concede a ABANCA o Premio Iniciativa Empresarial

mércores, 7 de xuño do 2017 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) tamén fixo pública estes días a identidade da entidade que vai ser recoñecida co Premio Iniciativa Empresarial, que entregará o Colexio no marco da novena Noite da Enxeñaría en Informática que se celebra o vindeiro 16 de xuño en Santiago. O devandito galardón, informou o CPEIG, irá dar este ano a mans de ABANCA. Con esta distinción, o Colexio recoñece a “transformación tecnolóxica da rede bancaria, que é trepidante e xeradora de necesidades de emprego”.
O galardón tamén empraza a ABANCA como “empresa tractora” e como “un dos principais polos tecnolóxicos de Galicia, fundamental na creación e potenciación do ecosistema do sector TIC galego”. O xurado tamén salientou a súa “innovación interna” e a súa capacidade para “impulsar proxectos innovadores” (apoiando as novas firmas, as start-ups do sector TIC, a través de iniciativas como ABANCA Innova).
O Premio Iniciativa Empresarial deste ano é tamén un recoñecemento á “supervivencia tecnolóxica, á teimosía por manter unha plataforma tecnolóxica bancaria con decisión en Galicia, grazas, sen dúbida, ao excelente traballo realizado por todo o persoal que compón a dirección de Infraestrutura Tecnolóxica, Información, Procesos e Operacións, que conseguiu levar a cabo, con éxito e en tempo récord, fitos tan importantes e complexos como as integracións das plataformas tecnolóxicas”. Estas integracións, explica o xurado dos galardóns, “foron precisas despois da fusión das caixas e, máis recentemente, da integración co Banco Etcheverría para converterse na actual ABANCA”.

PUBLICIDADE