O CPEIG e AMTEGA convocan o concurso Argallando.gal para unir cultura galega e tecnoloxía

mércores, 11 de setembro do 2024 S. P.

O Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Xunta de Galicia, co apoio da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), veñen de anunciar a iniciativa Argallando.gal, inserida no programa de fomento de vocacións tecnolóxicas entre a rapazada Tech Kids e baixo o lema deste ano Argallando entre xeracións.
O obxectivo desta proposta é a colaboración interxeracional na resolución de diferentes retos tecnolóxicos coa celebración de 28 obradoiros nos meses de setembro e outubro polas diferentes aulas CeMIT de Galicia. Este martes 10 de setembro celebrábase un obradoiro no Centro Gaiás Tech cunha vintena de escolares de Compostela, ao que asistiu o presidente do CPEIG, Fernando Suárez.
Co concurso Argallando.gal quérese unir a cultura e a tradición galega coa tecnoloxía más actual, buscando estimular o interese dos máis novos nos eidos da historia e a cultura de Galicia, as tradicións, a súa mitoloxía e a simboloxía máis ancestral. Para facérmonos unha idea da temática: un hórreo con Wi-Fi, un modelo de IA con retranca, xoias celtas impresas en 3D, un poboado de castros smart-city, unha igrexa domotizada ou un peliqueiro holográfico.
Informar que os e as participantes no certame, mozos e mozas de entre 12 e 18 anos e persoas adultas sen límite de idade responsábeis legais dos equipos, terán que desenvolver proxectos creativos que fusionen a cultura máis ancestral coa tecnoloxía máis vangardista, achegando diferentes puntos de vista e coñecementos segundo as súas idades. A participación no certame deberá realizarse en equipo, dun mínimo de dous integrantes e un máximo de seis (incluíndo ao responsábel).
Os proxectos poden incluír mapas interactivos, modelos divulgativos feitos con fabricación dixital, videoxogos culturais, folclore e electrónica musical ou calquera outra iniciativa de carácter tecnolóxico encamiñada a dar a coñecer e dixitalizar a tradición galega. No deseño e execución dos proxectos valorarase o seu carácter divulgativo, os recursos tecnolóxicos empregados, o coñecemento técnico requirido, a innovación e a creatividade da idea, así como o nivel de utilidade para a sociedade galega.
Para presentar a idea e amosar os seus prototipos, os equipos deseñarán presentacións en formato de vídeo curto (máximo 1 minuto) ou imaxes para publicar nas redes sociais, aspecto divulgativo que tamén será tido en conta polo xurado do certame.
Os proxectos poderán presentarse até o 14 de outubro na web de Argallando. O xurado fará público o seu fallo unha semana despois do peche das inscricións.
Outorgaranse os seguintes premios: Xigante Argalleiro (ao proxecto que saliente polo seu enfoque, nivel de execución e creatividade); Nubeiro Tech (ao proxecto que empregue a tecnoloxía como eixo principal dun xeito interesante ou pola súa complexidade técnica); Árbore Senlleira (ao proxecto que resulte da colaboración interxeracional entre participantes de idades diferentes e diferentes xeracións: pais e fillos, avós e netos, irmáns, familiares, profesores e discentes...); Proxecto Serea (ao proxecto que polos seus contidos, presentación... logre transmitir dun xeito máis didáctico e atractivo algún elemento da cultura galega); E-Trasnada (ao proxecto que consiga sorprender por exceder o inimaxinábel).
Dicir que os equipos gañadores do concurso nas diferentes categorías recibirán un diploma acreditativo e un agasallo. Os gañadores recibirán o seu recoñecemento nun acto público de entrega de premios o día 25 de outubro, ás 18h no Centro GaiásTech, onde poderán presentar os seus proxectos de maneira presencial.