O CPEIG e Educación repiten colaboración para achegar as competencias dixitais aos estudantes galegos

mércores, 1 de febreiro do 2017 Redacción

O Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) recunca un ano máis a súa colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no marco dos programas Navega con Rumbo e Programación nas Escolas, de cara a mellorar as competencias dixitais dos estudantes e desenvolverse dun xeito máis seguro no ámbito tecnolóxico. Amais de promover as vocacións STEM (Ciencias, Tecnoloxías, Enxeñerías e Matemáticas) entre a comunidade escolar galega. Serán arredor de 200 colexios e institutos Abalar (centros que contan con aulas dixitais) de toda a nosa xeografía os que este ano participen nestas accións específicas no eido da programación informática e no uso seguro dos recursos tecnolóxicos con novidades como a posta en marcha de accións específicas (concursos, campañas,…) de sensibilización en relación coa protección de datos.
Indo aos programas, Navega con Rumbo (que xa vai pola súa 6ª edición) vai encamiñado ao alumnado, aos docentes e ás familias. Aos escolares, para guialos cara unha navegación segura, previndo que sexan vítimas de condutas como o ciberacoso; e aos pais, nais e profesores para darlles as recomendacións precisas e que as transmitan. Con esa finalidade, o CPEIG levará a cabo xornadas divulgativas nos centros escolares Abalar de toda Galicia, apoiado polas Guías de Boas Prácticas elaboradas polo CPEIG, que poden descargarse a través da web do programa, navegacon rumbo.es.
En canto á outra proposta, Programación nas escolas (que xa vai pola 3ª edición), nace coa vontade de iniciar aos escolares na linguaxe da programación informática. Uns 10 centros escolares de Primaria (que se suman aos outros 20 da 1ª e 2ª edición) beneficiaranse neste curso desta iniciativa. Para isto, ofrécenselle as ferramentas axeitadas para que comprendan que é un computador, como funciona, e como eles mesmos poden crear aplicacións interactivas como videoxogos ou animacións...
En canto a fomentar as vocacións STEM entre o alumnado, cómpre lembrar que desde o curso 2015/16 xa están en marcha as materias de libre configuración autonómica de Programación en 1º e 2º de ESO (132 centros ofertárona este curso, con 4.200 matriculados) e de Robótica en Bacharelato (ofertada por 92 centros e case 600 alumnos matriculados). A impartición destas materias leva aparellado a dotación de equipamento específico (kits de Robótica educativa) co que a Consellería está dotando a todos os IES de Galicia. Asemade, a Consellería tamén dispón dun plan de formación específico en Robótica dirixido ao profesorado vinculado ás ensinanzas tecnolóxicas.
Por último, falarmos da Estratexia galega de convivencia escolar, pois Educación xa conta cun Protocolo de Protección de Datos que serve de guía aos centros á hora de xestionar toda a información referente ao alumnado. Estase a traballar na incorporación dun apartado de identidade dixital para que os rapaces conten cunha ferramenta-guía para o tratamento da súa información persoal a través das redes.

PUBLICIDADE