O CPEIG intégrase nun novo instrumento para mellorar a profesión TIC no eido local

venres, 6 de maio do 2016 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG) é unha das entidades integradas no Grupo de Traballo FEGAMP-Profesionais TIC das Entidades Locais de Galicia, iniciativa formalizada o pasado 31 de marzo co obxectivo de ser “un novo instrumento ao servizo da profesión e impulsar melloras nas carreiras laborais dos responsábeis tecnolóxicos no eido local”. Na xuntanza que deu forma a constitución do Grupo de Traballo acordouse, entre outras cousas, o desenvolvemento dunha declaración institucional no nome da comisión para pór en valor o papel dos profesionais TIC dentro das entidades locais. Con esta declaración darase visibilidade á problemática actual destes profesionais. Este texto será redactado por Fernando Suárez, presidente do CPEIG, co apoio de Juan Luís Núñez, representante do Concello de Vilagarcía de Arousa.
Outra das temáticas avaliadas na xuntanza foi o da formación. En base a isto, determinouse facerlle chegar á FEGAMP as propostas formativas precisas para o persoal das entidades integradas nesta federación, de maneira que se poidan trasladar á Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para valorar a súa realización, en colaboración co CPEIG e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a AMTEGA. Tamén se fixo un chamamento para visualizar, por medio da FEGAMP, os cursos que se realicen e poidan ser de interese para os devanditos profesionais. Segundo informa o CPEIG, “os integrantes do grupo de traballo ou calquera outra persoa do ámbito TIC das entidades locais poden achegarlle á federación as iniciativas que consideren relevantes para asegurar a súa difusión ao resto do grupo”.
Os asistentes á xuntanza de constitución do Grupo de Traballo foron as seguintes persoas: Carina Anta Arias (O Barco), Estela Barreal Díaz (AMTEGA), Irene Marín Gómez (AMTEGA), Eduardo Otero Pardo (Viveiro), Eduardo Risco (Lugo), Miguel Anxo Gómez (Oroso), Fernando Suárez Lorenzo (CPEIG), Jorge Villar Álvarez (Ourense), Juan Gabriel Fernández García de la Rocha (Deputación de Pontevedra), Juan Luis Núñez Touris (Vilagarcía de Arousa), Miguel Orgueira Gómez (Cabanas), Teresa Calvo Pérez (Poio), Olalla Casanova (Redondela) e Raúl Fernández Iglesias (FEGAMP).

PUBLICIDADE