O CPEIG participará no Congreso Español de Informática

venres, 29 de xullo do 2016 Redacción

Fernando Suárez, presidente do CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de anunciar a súa participación na quinta edición Congreso Español de Informática (CEDI), que se desenvolverá entre o 13 e o 16 de setembro na cidade de Salamanca. A entidade galega sinalou que estará presente nunha mesa redonda. Intervirá o seu presidente, Fernando Suárez, vicepresidente (tamén) do equivalente estatal do CPEIG: o Consello Xeral de Colexios Profesionais de Enxeñaría en Informática (CCII). O encontro CEDI artellarase en formato multicongreso, sendo o seu obxectivo abranguer os moitos eidos (empresariais, sociais, comunicativos, culturais) nos que actúa hoxe en día a informática.
A presente edición do CEDI está organizada pola SCIE e o grupo de investigación BISITE da Universidade de Salamanca. O obxectivo do encontro é “servir de marco de encontro para profesionais que se adican á investigación, o desenvolvemento, a innovación e o ensino universitario dentro do ámbito da enxeñaría informática”. O portal oficial do congreso CEDI é congresocedi.es pero tamén podemos atender a toda a información relativa ao mesmo nos sitios de seu no Facebook e enTwitter.

PUBLICIDADE