O CPEIG recoñecerá con 1.000 euros o mellor proxecto Fin de Carreira

luns, 13 de xuño do 2011 Fernando Sarasketa

Xornada sobre Protección de Datos organizada recentemente polo Colexio, con Fernando Súarez, predidente do mesmo, no centro da imaxe

Unha contía económica de 1.000 euros máis a o privilexio de ter sido distinguidos polo noso colectivo de enxeñeiras/os en Informática. Nisto consistirá o galardón do Premio Proxecto Fin de Carreira que convoca un ano máis (logo da primeira edición de 2010) o CPEIG, que, por certo, xa informou da apertura do prazo para as presentacións das candidaturas.
Este recoñecemento, dirixido á comunidade estudantil de Enxeñaría en Informática que realizar os seus estudos na nosa terra nos últimos dous anos, ten o obxectivo de achegarse aos intereses e inquietudes do noso colectivo universitario, que son (precisamente) os que asumirán en breve unha responsabilidade de primeira orde: a de contribuír ao desenvolvemento tecnolóxico do país.
Amais disto, o CPEIG quere contribuír co premio a defender as vantaxes da colexiármonos, amais de estimular o traballo dos propios estudantes da dita licenciatura.
Segundo informa o Colexio, todas/os aquelas/es estudantes que queiran optar ao galardón deberán enviar os seus proxectos antes do 15 de setembro ao enderezo electrónico informacion@cpeig.org. Logo disto, será sometido ao estudo dun grupo de expertos, formado por profesores universitarios e membros do Colexio, que avaliarán os traballos para elixir logo a iniciativa gañadora. Por certo que a identidade desta darase a coñecer nos Premios da Terceira Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, un evento que a plataforma de enxeñeiras e enxeñeiros ten programado para o vindeiro mes de outubro, no Hostal dos Reis Católicos de Santiago, e que representa unha das grandes citas do sector tecnolóxico-dixital da nosa terra.

PUBLICIDADE