O CPETIG e o CPEIG critican o que consideran un novo caso de discriminación da Informática no emprego público

luns, 16 de xaneiro do 2017 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, CPETIG, vén de pór de manifesto o que considera un novo caso de discriminación da profesión nos procesos de selección públicos de persoal. Desta volta, informa o CPETIG, o caso viría da man do Servizo Galego de Saúde (SERGAS), a raíz dunha recente convocatoria para prazas de técnicos de xestións e técnicos especialistas de sistemas e tecnoloxías da información, publicada no DOG o pasado 10 de xaneiro. Nesta convocatoria “ponse de manifesto a evidente discriminación da Enxeñaría Técnica en Informática, fronte ao resto de enxeñarías”, informa o CPETIG.
Nun plano máis concreto, a entidade esgrime que nas bases do proceso do SERGAS estipúlase que poderán acceder ás devanditas prazas (de técnico de xestión de sistemas e tecnoloxías da información, grupo A2) calquera persoa titulada universitaria en iguais condicións que unha titulada en Informática. “Porén”, engade o colexio que preside Marcos Mata, para ás vacantes de técnicos especialistas de sistemas e tecnoloxías da información, do grupo C1, “esíxese formación profesional en Informática”.
O CPETIG sostén que "a discriminación con respecto das/os tituladas/os en Enxeñaría Técnica ou Grao de Informática non fica no devandito", chegando "mesmo ao apartado de puntos obtidos por formación, onde a posesión deste título non supón valoración adicional, cando si a asistencia a cursos”. O CPETIG di que en base a isto, obtería máis puntuación neste proceso do grupo A2 un titulado de calquera materia que teña realizado, por exemplo, un curso de ofimática, que unha persoa titulada en Enxeñaría Técnica en Informática.
Para o colexio, estamos ante un “clamoroso prexuízo ao colectivo de profesionais da Informática”, unha circunstancia agravada “pola exclusión da titulación de Informática do Recoñecemento de Cualificacións Profesionais do Ministerio de Industria, quedando polo tanto á marxe da regulación profesional”.
O Colexio de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, CPETIG, como “entidade responsábel da defensa dos intereses profesionais do colectivo”, pide a respecto do devandito “o apoio e o compromiso inequívoco da Xunta para reverter esta situación, como xa fixeron outras administracións autonómicas, como a Generalitat Valenciana que en 2010 creou por lei o Corpo Superior Técnico de Enxeñaría en Informática”.
Lembrar que a necesidade de pór fin ao que o colexio cualifica de “insostíbel agravio comparativo co resto das enxeñarías” xa levou ao CPETIG a presentar aos candidatos á presidencia da Xunta de Galicia nas eleccións autonómicas do pasado setembro “un paquete de medidas para ser asumidas polo novo Executivo”. Entre outras demandas, o CPETIG solicitaba o regulamento da profesión e a creación do Corpo Superior de Xestión en Enxeñaría Técnica en Informática da Xunta, considerando que “a implantación da Administración Electrónica e os retos futuros en materia de automatización dos procedementos fan imprescindíbel a creación deste tipo de corpos especializados”.

Reacción do CPEIG

O conflito apuntado polo CPETIG tampouco resultou alleo ao Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), que o pasado día 14 dirixiu unha carta a Margarita Prado Vaamonde, directora xeral de Recursos Humanos do SERGAS, para solicitar unha entrevista urxente en relación a unha convocatorio de «especialistas en sistemas e tecnoloxías da información» que exclúe aos licenciados/enxeñeiros en Informática do proceso no caso das prazas tipo C1 e, en cambio, inclúense todo tipo de titulacións como válidas para o caso de prazas de tipo A2.
O CPEIG considera de suma gravidade e discriminatoria esta convocatoria, polo que dirixiuse á responsable do SERGAS co animo de explicarlle persoalmente o desacerto das bases e convidala a emendar o erro como xa fixeron outras administracións públicas recentemente a petición do CPEIG.

PUBLICIDADE