O CPETIG entrega este sábado os premios do Concurso de Programación en Scratch

xoves, 23 de xuño do 2016 Redacción

Intre dunha xornada Scratch Day celebrada polo CPETIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) deu a coñecer as distincións do seu certame dirixido a fomentar nos escolares o interese polo desenvolvemento informático. Falamos da primeira edición do Concurso de Programación en Scratch, no que participaron máis de 250 rapaces de 20 centros. O obxectivo da iniciativa do o seguinte: ofrecer un estímulo tanto a profesores como a alumnos para achegarse á programación da man da dita ferramenta e buscar a superación tanto a nivel persoal como colectivo. O concurso, que abrangueu o período escolar 2014-2016, desenvolveuse baixo a temática do Camiño de Santiago. Este sábado 25 de xuño, a partir das 12.00 horas, celebrarase o acto de entrega de galardóns no salón de actos de El Corte Inglés (empresa colaboradora no certame) en Santiago de Compostela. O concurso contou tamén co apoio da Fundación Barrié, Coremain e Gadis.
Nesta edición presentáronse medio cento de proxectos levados a cabo por grupos compostos por ata 8 alumnos e un profesor pertencentes a distintos centros de ensinanza primaria e secundaria de Galicia. O concurso estivo dividido en dúas categorías: I – de 4º a 6º de primaria e II - de 1º a 3º de secundaria
Nunha primeira fase de selección, a través da ferramenta de análise de proxectos DrScratch, foron 17 os proxectos que obtiveron unha nota de entre 14 e 21 puntos e que pasaron a formar parte do grupo de finalistas. De entre estes, o xurado do I Concurso de Scratch Aprendo Programando, emitiu o seguinte fallo:
Na categoría de primaria, o 1º premio recaeu no proxecto Camiño Preguntón do CPI Virxe da Cela, grupo VirtualKids e o segundo premio foi para o proxecto Paseniño, paseniño, faise o camiño do CEIP Vilar de Barrio, grupo Galopíns.
En canto á categoría de secundaria, o 1º premio acadouno o proxecto Andando o Camiño do IES De Brión, grupo Camiñantes e o segundo premio foi para o proxecto Aventuras do Camiño do IES Carlos Casares, do grupo Scratchers en Viana.
O concurso é unha actividade máis das que ven realizando o CPETIG nos últimos anos de cara a difundir os valores da programación entre os nenos, os seus pais e os seus formadores.

PUBLICIDADE