O CPETIG fomenta a programación informática cunha actividade con carácter familiar

venres, 29 de abril do 2016 Redacción

Co obxectivo de difundir os valores da programación informática entre os rapaces e os seus pais, o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG) en colaboración coa Facultade de Informática da Coruña (FIC) organizará o vindeiro día 7 de maio o evento Scratch Day no que os participantes poderán acceder de forma lúdica e divertida ao mundo da programación, tomando conciencia da potencia desta ferramenta como medio de expresión de ideas e vehículo para o emprendemento.
O CPETIG quere outorgarlle a este acontecemento un carácter familiar, polo que se dirixe fundamentalmente a rapaces e rapazas de entre 10 e 14 anos, que acompañados dos seus pais, poderán compartir unha xornada aprendendo e gozando da informática. A implicación e a concienciación dos pais neste ámbito servirá de apoio para que os rapaces se sintan atraídos cara a programación informática, de xeito que esta actividade organizada polo CPETIG non sexa unha excepción, senón o principio dun labor a seguir no fogar.
Con esta actividade preténdense difundir as posibilidades que poden ofrecer as TIC, especialmente en idades temporás e contribuír, así, a reducir a fenda dixital.
A xornada comezará ás 9:30 horas coa benvida aos participantes. Logo, entre as 10:00 e as 10:30 horas, terán lugar as presentacións e demostracións, e xa entre as 10:30 e as 13:30 horas, levaranse a cabo os obradoiros de programación en Scratch. A xornada rematará ás 14:00 horas coa presentación dos proxectos.
No Scratch Day contarase coa participación de profesorado experto en Scratch así como con monitores xurdidos do curso de Scratch para formadores que tivo lugar na FIC o pasado 22 de abril organizado polo CPETIG e a FIC.
Este evento, do que está previsto realizar máis edicións ao longo deste ano, encádrase dentro do convenio de colaboración asinado entre o CPETIG e a AMTEGA o pasado 4 de abril, e os interesados en acudir deberán inscribirse a través da web, distribuíndose logo os asistentes en función da súa experiencia previa con Scratch, xa que haberá tanto un obradoiro de iniciación como outro de nivel avanzado.

PUBLICIDADE