O CPETIG organiza a vindeira semana un obradoiro sobre a Oficina de Xestión de Proxectos

venres, 2 de marzo do 2012 Fernando Sarasketa

Imaxe dunha das xornadas sobre informática xudicial desenvolvidas recentemente polo CPETIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) vai organizar os vindeiros 9 e 10 de marzo unha actividade formativa sobre as metodoloxías máis innovadoras e de meirande proxección futura para xerar, dar acubillo e desenvolver iniciativas no seo dunha empresa. O curso, máis polo miúdo, dirixirase a formar aos asistentes sobre o labor dunha Oficina de Xestión de Proxectos, PMO. Unha oficina destas características, informa o CPETIG, que celebra a actividade en cuestión no Hostal dos Reis Católicos de Santiago, é “un departamento que define e mantén os estándares de procesos, xeralmente relacionados coa xestión de proxectos, dentro dunha organización ou empresa”. A PMO, deste xeito, funcionaría como fonte de documentación, dirección e métrica neste labor empresarial.
O seminario, engade o colexio, “está aberto a todos aqueles profesionais que poidan verse no escenario de definir a operativa dunha PMO, traballar nunha PMO, ou simplemente traballar nun contorno no que o seu traballo é monitorizado por unha PMO”.
Os colexiados e precolexiados no CPETIG, así como os estudantes de informática das Universidades de Santiago, Coruña e Vigo, obterán importantes descontos na matrícula deste obradoiro formativo que dirixirá o experto formador José Luis Iparraguirre, primeiro español en obter a certificación High Maturity Lead Appraiser polo Software Engineering Institute e certificado para avaliacións dos niveis 4 e 5 de CMMI.
José Luís Iparraguirre, engade o CPETIG, conta cunha gran experiencia impartindo cursos por todo o mundo sobre CMMI, Ampliación da Constelación de Servizos e Ampliación da Constelación de Adquisición. Na súa traxectoria laboral, dicir que participou como responsable da implantación de proxectos para alcanzar os diferentes niveis CMMI en numerosas empresas a nivel nacional e internacional como poden ser GFT Iberia, Caixa Galicia ou Telefónica I+D. Ademais levou a cabo a realización de diagnósticos SCAMPI clase A en máis de 50 compañías.
O curso desenvolverase no Hostal do Reis Católicos (Praza do Obradoiro 1) e a orientación do mesmo “é eminentemente práctica, baseándose os escenarios propostos en casos reais de PMOs nos que o relator participou directamente, tanto na definición conceptual da súa estrutura de traballo, como na operación das esmas”. No transcurso da actividade formativa afondarase en cuestións como o a metodoloxía para acadar o éxito dunha PMO ou os diferentes rumbos que o labor despregado no seu seo pode ter.
O programa do curso abordará catro partes ben diferenciadas. Nunha primeira etapa realizarase un rápido repaso dos obxectivos dunha PMO, para pasar despois a falar sobre a PMO no lanzamento de proxectos e sobre a importancia do PMO no control de proxectos. O ciclo formativo completarase cun completo repaso sobre o papel da PMO como axente de comunicación e cun apartado dedicado á recomendacións prácticas. O número de prazas dispoñibles é de 15, adxudicándose por orde de inscrición, engade o colexio.

info portfolio

PUBLICIDADE