O CSIC celebra o Día da Arqueoloxía cun gran mural en liña de investigadores

xoves, 28 de xullo do 2016 Redacción

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) celebra este 29 de xullo o Dia da Arqueoloxía. E faino, a través do INCIPIT (Instituto de Ciencias do Patrimonio, con sede en Santiago) e cos 13 socios do proxecto europeo NEARCH, cunha iniciativa tecnolóxico-dixital dirixida aos profesionais adicados ao estudo das pegadas do noso pasado. A actividade consiste en convidar a este colectivo (traballadores, estudantes e voluntarios da arqueoloxía en Europa) a que nos achegue (mediante textos, imaxes ou vídeos) o seu traballo cotián na procura de elementos que reconstrúan a nosa historia e nos axuden a coñecer mellor o presente e o futuro (a través do pasado). O material deberá ser enviado á conta dayofarchaeology@gmail.com para, logo, ser difundida na web dayofarchaeology.com.
“O fin último”, informa o INCIPIT, “é abrir unha xanela dixital desde a que observar a vida diaria de arqueólogos e arqueólogas de todo o mundo, amosando a gran variedade de traballo que se leva a cabo no mundo ao abeiro desta profesión, e axudando a aumentar a conciencia colectiva sobre a relevancia e importancia da arqueoloxía no mundo”.
Proxecto NEARCH
Financiado polo programa Culture da Unión Europea, desenvólvese entre 2013 e 2018. O obxectivo é fortalecer as ligazóns entre arqueoloxía e sociedade, abrindo a disciplina á comunidade, implicando a esta na súa práctica e trasladando esta reflexión ao ámbito da investigación e a xestión do patrimonio arqueolóxico. Coordinado polo Institut National de Recherches Archéologiques Préventives (INRAP, Francia), participan 14 socios, maioritariamente institucións de investigación, así como entidades da administración, empresas e organismos de creación e exhibición cultural.
Mostra na Coruña
Ademais do devandito e con motivo tamén do Día da Arqueoloxía, o MUNCYT da Coruña inaugurou hoxe a mostra Fotciencia13. A mostra recolle as fotografías gañadoras da décimo terceira edición do certame de fotografía científica Fotciencia, así como unha escolma doutras 49 imaxes presentadas ao concurso. Este certame está organizado pola FECYT e o CSIC en colaboración coa Fundación Jesús Serra. OP vídeo coas imaxes recoñecidas polo xurado e toda a información relativa ao certame están dispoñíbeis en fotciencia.es. Entre as achegas gañadoras e que se poderán ver na mostra atópase unha fotografía que reflicte os microorganismos presentes na man dunha nena (primeiro premio na categoría Xeral) e un cristal de zeolita empregado para descontaminar a auga (premio premio categoría Micro). A exposición poderá visitarse até o 4 de setembro.

PUBLICIDADE