O Campus de Ferrol acolle esta semana as Xornadas sobre Intelixencia Artificial

mércores, 9 de marzo do 2016 Redacción

Este 10 de marzo comezan no Campus de Ferrol as Xornadas sobre Intelixencia Artificial e sociedade contemporánea englobadas no marco das XXI Xornadas de filosofía e metodoloxía actual da ciencia. O punto de arranque será a inauguración, ás 9.45 horas, no salón de actos do Campus e contándose coa presenza do reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde. Ao seu carón, estarán Juan Penabad, deputado provincial na Deputación da Coruña, Suso Basterrechea, concelleiro de Cultura, Ensinanza e Universidade do Concello de Ferrol e Wenceslao J. González, coordinador das xornadas e profesor na Facultade de Humanidades.
As xornadas desenvolverase durante os días 10 e 11 de marzo, contando coa presenza de varios conferenciantes expertos no tema. Na organización atópase a Área de Lóxica e Filosofía da Ciencia da Universidade da Coruña co apoio da Sociedade de Lóxica, Metodoloxía e Filosofía da Ciencia en España. O congreso celébrase baixo o seguinte epígrafe: Intelixencia Artificial e sociedade contemporánea. O cometido da información.
O principal relator será Luciano Floridi, catedrático na Universidade de Oxford e director de investigación do Oxford Internet Institute, amais de ser coñecido nos ámbitos da reflexión dixital como “o filósofo de Google”. Segundo informa a UDC, trátase dunha figura de referencia internacional en todo o tema de Filosofía da Información, experto en caracterización da información e a súa relación con aspectos éticos. Desde 2009 ocupa a Cátedra de UNESCO de Information and Computer Ethics. Entre os seus libros publicados por Oxford University Press figuran The Philosophy of Information (2011);The Ethics of Information (2013); e The Fourth Revolution - How the infosphere is reshaping human reality (2014).
Outros relatores convidados son Javier Echeverría, investigador no Centro de Innovación Social da Universidade do País Vasco; Giuseppe Primiero, catedrático de Computing Science na Universidade de Middlesex (Londres); Mark Priestley, investigador, asociado ao Departamento de Estudos de Ciencia e Tecnoloxía do University College London; e Enrique Alonso, profesor Titular de Lóxica e Filosofía da Ciencia (Universidade Autónoma de Madrid). Ademais, presentarán unha comunicación outros dous especialistas internacionais: Patrick Allo (Universidad Libre de Bruselas) e Stefan Schubert (Consello Sueco de Investigación, actualmente en Oxford).
Programa
Xoves 10 de marzo
10:00h. Hiperhistoria, o xurdimento de sistemas de multitanxentes (SMAs) e o deseño da infraética. Luciano Floridi, catedrático da Universidade de Oxford, director de investigación do Oxford Internet Institut.
12:00h. Sociedades artificiais e innovación. Javier Echeverría, catedrático da Universidade do País Vasco, investigador no Centro de Innovación Social da Universidade do País Vasco.
17:00h. A Historia de ENIAC en tres programas. Mark Priestley, investigador asociado ó departamento de Estudos de Ciencia e Tecnoloxía do University College London.
19:00h. Situación actual da Intelixencia Artificial e perspectivas de futuro. Mesa redonda na que participarán Luciano Floridi, Javier Echeverría, Giuseppe Primiero e Mark Priestley.

PUBLICIDADE