O Campus de Ourense abre unha completa web para conmemorar o Ano da Luz

martes, 20 de xaneiro do 2015 Redacción

Dende o Campus de Ourense veñen de pór en marcha unha nova web, ail2015.laserphotonics.org, co obxectivo de conmemorar e dar conta das actividades galegas do Ano Internacional da Luz e das Tecnoloxías Baseadas na Luz (IYL2015), que se celebra a nivel mundial e que ten no dito Campus o epicentro do comité galego, coordinado polo catedrático de Óptica da Universidade de Vigo Humberto Michinel. O obxectivo da páxina, amais de acubillar concursos e informar de todo o que se vaia facendo dende a nosa terra para festexar a dita celebración, é salientar a importancia da luz e “o seu papel fundamental na vida cotiá e no desenvolvemento da sociedade e das novas tecnoloxías, revolucionando eidos como a medicina ou a fabricación de produtos”.
Segundo se informa dende o Campus a un nivel máis detalle, na páxina iranse “publicando todas as actividades que se vaian levando a cabo baixo o paraugas común do Ano Internacional da Luz en Galicia”, converténdose “nun espazo en continua construción no que se poderán atopar, ademais do calendario de eventos, información sobre esta conmemoración, novas ou mesmo unha completa relación das entidades colaboradoras”.
Entre as actividades máis salientábeis atopamos tres concursos convocados ao abeiro da seguinte temática común: a luz como elemento de conexión. Estes certames están abertos a toda a poboación e son Que é a luz para ti? (que pretende animar á sociedade a expresar en galego o que lle inspira a luz en dúas categorías, microrrelatos e poesía), As mil e unha luces (que se dirixe a pór de manifesto a relación entre luz e imaxe a través da súa manifestación gráfica en diferentes soportes) e Coas mans na luz (que acubillará experimentos caseiros ou divulgativos, individuais ou en grupo, que deben ser recollidos en vídeo para despois ser valorados). As bases e prazos atópanse na propia web do Ano Internacional da Luz de Galicia.
Os premios variarán en función da categoría de idade: 300 euros para os maiores de 18 anos, un telescopio astronómico newtoniano para os de entre 13 e 18 e un telescopio para os menores de 13 anos. Todos serán agasallados ademais cun diploma acreditativo.

PUBLICIDADE