O Campus de Pontevedra pecha a súa 2ª semana de recollida de RAEE cun balance ben positivo

venres, 12 de febreiro do 2016 Redacción

A pasada semana, do 1 ao 5 de febreiro, o campus pontevedrés emprendía unha iniciativa de recollida de RAEE (Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) promovida pola Vicerreitoría. Nesta segunda semana de campaña, o resultado foi positivo pois recompiláronse 162 obxectos ao remate desta iniciativa enmarcada no proxecto Green Campus e que, grazas á colaboración da Oficina de Medio Ambiente (OMA) da Universidade, veñen de ser trasladados a un xestor autorizado para o seu tratamento.
Segundo o director da Área de Planificación do campus, Celso Cancela, o propósito desta idea é “concienciar e sensibilizar á comunidade universitaria” da importancia que ten para o medio ambiente un correcto tratamento deste tipo de residuos e a continuidade do mesmo.
Asemade, Cancela lembra que o termo RAEE abrangue a “todos aqueles aparellos que empregan electricidade ou baterías” e que polo tanto están presentes por decenas nos fogares. Así, non resulta estraño que nas caixas instaladas nas diferentes facultades e escolas se depositasen dende cepillos eléctricos ou mandos a distancia, até un televisor, un ventilador ou un walkman, aínda que, xunto cos móbiles e cargadores, gran parte do recollido corresponde a equipamentos informáticos (computadores, monitores, ratos, teclados ou discos duros).
Cómpre sinalar que a facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación (onde se recolleron 33 aparellos) e a Escola de Enxeñaría Forestal (con 25) foron os dous centros do campus con maior implicación nesta iniciativa. Mais, esta campaña non se limitou ás facultades e escolas, senón que abrangueu tamén á Escola Infantil (29 obxectos recollidos), o Pavillón Universitario e a Casa das Campás, este último punto de recollida foi o que acadou un maior número de RAEE (55 aparellos).
“Agora xa estamos pensando na terceira semana e valorando se facela a finais do presente curso ou a comezos do seguinte, xa que o máis importante é que teña continuidade”, salienta Cancela dunha iniciativa que forma parte dos compromisos adquiridos no plan de acción do proxecto que levou ao campus de Pontevedra a converterse no primeiro de España en obter a bandeira verde que outorga a FEE (Foundation for Environmental Education).

PUBLICIDADE