O Centro Demostrador TIC Virtual achega ao terceiro sector dúas novas solucións abertas

xoves, 19 de novembro do 2015 Redacción

A Axencia para a Modernización tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) vén de fornecer ás empresas e entidades do terceiro sector (organizacións e entidades sen arela de lucro con firme alicerce solidario e social) dúas novas ferramentas abertas (open source) no Centro Demostrador TIC Virtual. Unha destas aplicacións é o xestor de recursos empresarial (ERP) Odoo, orientado á xestión dos procesos internos dunha empresa (tarefas como facturación,contabilidade, almacén ou proceso de produción). Tamén está dispoñíbel o xestor de relacións cos clientes CiviCRM, en palabras de AMTEGA “un recurso orientado a mellorar a comunicación coa masa social e á realización de campañas de captación de fondos en entidades do terceiro sector”.
Segundo engade a Axencia, a través da páxina web do CDTIC pódese solicitar xa un período de proba de calquera destas dúas solucións de software libre.
Odoo, máis en detalle, é un sistema de xestión empresarial libre que salienta, segundo informa AMTEGA, “por ser moi sinxelo pero tamén moi potente e cunha ampla marxe de adaptación ás necesidades de cada quen, grazas á grande cantidade de módulos dispoñíbeis”. O CDTIC Virtual ofrece dúas configuracións diferentes de proba de Odoo; unha delas orientada a empresas de produción, pensada para para a xestión dos procesos de fabricación; e por outra banda, unha solución orientada a empresas de compravenda que inclúe módulos de TPV e comercio electrónico.
Polo que atinxe a CiviCRM, trátase dun software de xestión de relacións cos clientes orientado ao seu uso por parte de organizacións que traballan no eido social. Está dispoñíbel en máis de 20 idiomas e fornece unha manchea de funcionalidades, o que tamén achega unha ampla marxe de adaptación aos intereses de cada usuario. “O principal atractivo de CiviCRM”, explica AMTEGA, “é que está pensado especificamente para organizacións do terceiro sector (asociacións, fundacións, ONGD, etc)”. A xestión de contactos, socios e doazóns de forma integral achega oportunidades de melloras para as organizacións.

PUBLICIDADE