O Centro de Proceso de Datos Integral do monte Gaiás porase en marcha a finais de ano

martes, 21 de xuño do 2011 Fernando Sarasketa

O complexo do monte compostelán visto no blog cidadedacultura.blogspot.com

A Xunta porá en marcha a finais deste ano 2011 o seu Centro de Proceso de Datos Integral, unha infraestrutura tecnolóxica emprazada na Cidade de Cultura e dirixida a dar acubillo único ao equipamento que xestiona os datos e os servizos TIC da nosa Administración. A nova sobre a posta en funcionamento do CPDI e sobre os seus obxectivos e vantaxes foi dada a coñecer por Adrián Lence, subdirector xeral de Infraestruturas de Telecomunicacións, no marco da xuntanza internacional de DatacenterDynamics que se está a celebrar en Madrid. Por certo que Lence acode á xuntanza xunto con expertos mundiais en novos centros de procesamento da información (avaliando polo miúdo os retos deste centros en materia de deseño, construción, operación e optimización).
Sinalar que o CPDI da xunta converteuse en realidade o pasado ano, cando a Xunta decidiu pór en marcha un espazo tecnolóxico para “mellorar a competitividade, reducir custos, acadar unha maior eficacia enerxética e flexibilidade, interoperabilidade e seguridade, así como unha simplicación da xestión e unha homoxeneización da estratexia tecnolóxica da Xunta”, informa o Goberno galego. Un dos grandes obxectivos concretos do Centro pasa por acadar un aforro de 3 millóns de euros anuais unha vez que estean integrados tódolos servizos autonómicos no novo CPD.
Segundo engaden fontes da Xunta, o Centro de Proceso de Datos Integral (CPDI), coordinará e albergará as funcións dos CPDs emprazados a día de hoxe na nosa xeografía, dos que a gran maioría “carece de capacidade de crecemento para afrontar a demanda de proxectos TIC precisos para mellorar a eficiencia da Administración galega”. Amais desta flexibilidade capacidade de adaptación que se tenta pór en xogo, tamén se pretende traballar a prol da Administración Electrónica galega e un dos seus grandes obxectivos: converterse nun servizo público dispoñíbel as 24 horas.
Polo que atinxe ao volume de cidadáns e unidades administrativas ás que dará operatividade, dicir que o obxectivo é beneficiar a toda a sociedade galega por enteiro, a máis de 1.260 centros administrativos; 1.400 centros educativos; 600 centros sanitarios; 322 entidades xudiciais e 1.500 oficinas de farmacia así como a 91.000 empregados públicos, entidades e organismos autónomos dependentes da Xunta e incluso a outras entidades públicas como deputacións, concellos ou universidades.
O novo CPDI galego, como dixemos, estará emprazado no monte Gaiás, en Santiago, no Edificio de Servizos Centrais da Cidade da Cultura. Tendo en conta a natureza do seu alcance, está previsto un amplo número de departamentos encamiñados a optimizar ao máximo ao seu rendemento. De feito, haberá áreas de operadores, de reparación e montaxe, equipamento de copias de respaldo, sala de comunicacións para dar servizo a servidores, sala para os operadores de telecomunicacións, sala de servidores e área técnica. Segundo informa a Xunta, a previsión é rematar a fase de acondicionamento da nova plataforma tecnolóxica no vindeiro mes de decembro, dando por rematada a integración dos centros de datos até o de agora espallados no único CPDI ao longo de 2012.

PUBLICIDADE