O Clúster TIC celebra a súa Asemblea Xeral Extraordinaria

xoves, 1 de decembro do 2016 Redacción

Esta mañá celebrouse a Asemblea Xeral Extraordinaria do Clúster TIC Galicia, cita aproveitada para presentar casos de éxito e difundir o labor que desenvolven as empresas sociais dentro e fora de Galicia, contando coa directora da AMTEGA, Mar Pereira, durante a apertura da xornada, onde destacou que o sector tecnolóxico galego ten demostrado a súa capacidade para abordar, tanto a dixitalización de servizos públicos como a de sectores estratéxicos da economía. Subliñou que no último ano o sector xerou en Galicia 1.200 novos postos de traballo e incrementou nun 4% o número de empresas.
Pereira apelou á creatividade e a capacidade de innovación do sector para afrontar os retos tecnolóxicos que ten Galicia por diante e que están recollidos na Axenda Dixital de Galicia 2020 e indicou que a Comunidade está en disposición de afrontalos grazas o traballo conxunto realizado coas actuacións da primeira Axenda Dixital de Galicia 2014.gal. En total, serán máis de 3.000 millóns de euros público-privados entre 2009 e 2020 investidos en iniciativas para a transformación dixital de Galicia.
Xa na clausura foi o director do IGAPE, Javier Aguilera, quen recoñeceu o labor que está a desenvolver o Clúster TIC para facilitar a incorporación de solucións tecnolóxicas a empresas doutros sectores, destacando o papel primordial reservado para o sector TIC para o impulso do tecido empresarial galego.
O director do IGAPE lembrou a colaboración desenvolvida polo IGAPE e o Clúster TIC para a elaboración dos Plans Sectoriais elaborados para impulsar a implantación da Industria 4.0 nos sectores agroalimentario, da madeira e téxtil, no marco dunha iniciativa que, manifestou, está chamada a servir de panca para implantar a fábrica intelixente en empresas deses e doutros sectores estratéxicos.
Os Plans Sectoriais elaborados analizan polo miúdo o potencial e as necesidades de mellora competitiva que as TIC poden achegar ás empresas galegas dos sectores avaliados en materia de conectividade, dixitalización, big data e a internet das cousas. Os tres sectores obxecto do informe, sumados ao eido TIC, teñen uns destinatarios directos de preto de 9.000 empresas.
Entre as conclusións xerais destes estudos, en boa medida aplicables a outros sectores, Aguilera referiuse á necesidade de impulsar a hibridación sectorial; á especialización con solucións TIC específicas para cada sector; á cooperación para crear alianzas estratéxicas; e o pensamento global, deseñando produtos que poidan ser exportados.
Logo de lembrar que a incorporación de solucións 4.0 ou de dixitalización ás PEME é igualmente o obxectivo do programa ReAcciona TIC, impulsado conxuntamente polo IGAPE e AMTEGA, Aguilera subliñou o labor das empresas TIC neste eido e defendeu que a dixitalización debe estar presente en todos os sectores estratéxicos galegos. Neste sentido, afirmou que o sector TIC debe ser un dos pilotos que guíen o tecido empresarial galego no seu percorrido cara á Industria 4.0.

PUBLICIDADE