O Clúster TIC pon en marcha a quinta edición do encontro entre emprendedores e investidores

xoves, 11 de setembro do 2014 Redacción

Emprendedores e investidores teñen unha cita a partir de hoxe e até o 12 de outubro na quinta edición dun encontro que chega baixo o nome de Clúster TIC Capital Network. Así, os profesionais que teñan un proxecto ou idea de negocio baseado nas Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) e estean interesados en desenvolvela, poderán presentar a súa solicitude para participar nesta iniciativa. O obxectivo é apoiar a creación e o medre de empresas de base tecnolóxica en Galicia, así como facer máis doados os procesos de co-investimento mediante a atracción de investidores privados que complementen os mecanismos públicos de apoio ao emprendemento.
A selección de proxectos para Clúster TIC Capital Network basearase na busca de startups tecnolóxicas innovadoras, teñan ou non produto no mercado, e que se atopen nunha fase temperá de desenvolvemento, ou que precisen dunha ampliación de capital para despegar de maneira definitiva.
Os proxectos inscritos pasarán un proceso de selección tras o cal os considerados máis axeitados serán presentados a un grupo de investidores especializados en TIC, entre os que se atoparán importantes fondos de capital risco e business angels. Este foro terá lugar en novembro. A inscrición de proxectos debe realizarse a través da web do Clúster TIC.
Cómpre dicir que este encontro entre emprendedores e investidores do Clúster TIC Galicia chega á súa quinta edición logo dun proceso de crecemento no que a iniciativa se foi consolidando como o evento de investimento especializado en TIC de referencia na comunidade autónoma. A edición 2013 saldouse cun récord de participantes, cun total de 35 investidores, entre entidades públicas e privadas de toda España, que tiveron a ocasión de coñecer 15 proxectos de negocio da man dos seus promotores.

PUBLICIDADE