O Clúster TIC presenta na asemblea o seu marco de referencia para o medre do sector

luns, 6 de xullo do 2015 Redacción

O Clúster TIC Galicia celebrou o 30 de xuño a súa asemblea xeral ordinaria, cita anual que lle serve á plataforma empresarial galega de reconto dos froitos recentes acadados e, tamén, de alicerce para a folla de ruta futura. A xuntanza, que segundo informa Clúster saldouse cunha “ampla participación dos socios” e cunha “ratificación por unidade de todos os puntos da orde do día”, complementouse cunha charla sobre Compra Pública Innovadora (CPI). Como dixemos, na asemblea propiamente dita deuse conta do traballo feito até o de agora. Ao fío disto, informouse que a situación económica tivo un resultado de superávit, o que vai permitir ao Clúster “desenvolver máis proxectos até final de ano”.
Na xuntanza os socios aprobaron por unanimidade a continuidade de accións nas que se potencie o empresariado TIC ampliando a carteira de proxectos colaborativos e abrindo posibilidades de negocio en mercados internacionais. Segundo informou o Clúster, todas estas accións deben enmarcarse no Decálogo de medidas estratéxicas, un documento que se está a elaborar coas achegas dos integrantes da plataforma e que “será a referencia para planificación das actividades do Clúster”. As medidas recollidas no decálogo enmarcan o traballo da entidade coas diferentes axencias e institucións con competencias en TIC. Abranguen, entre outras cousas, a celebración dun congreso tecnolóxico-dixital e dun pulo ás actividades de divulgación científica e tecnolóxica nos ámbitos docentes da nosa terra. O titular de cada unha das medidas é o seguinte:
· Medida 1: Definición lexislativa dos Clústeres
· Medida 2: Plan de promoción da creación do plan de procesos e sistemas sectoriais
· Medida 3: ReaccionaTIC
· Medida 4: Simplificación de normativas
· Medida 5: Especialización
· Medida 6: Consultas previas sobre Compra Pública Innovadora (CPI)
· Medida 7: Introdución máis intensiva da ciencia e a tecnoloxía nas aulas, na FP e nas empresas
· Medida 8: Apoio a start-ups
· Medida 9: Modelo Produtor – Exportador
· Medida 10: Ampliación do perímetro de actuación do Clúster TIC
· Medida 11: Congreso Tecnolóxico TIC de Galicia

PUBLICIDADE