O Consello da Cultura Galega organiza unha LaconNetwork ao redor da mostra Galicia 100

luns, 21 de novembro do 2016 Marcus Fernández

O vindeiro venres celebrarase na Coruña unha nova edición da LaconNetwork, o evento gastronómico que xunta á hora do xantar aos albaneis da nube, ou sexa, que serve para xuntar a emprendedores e profesionais do sector TIC galego coa desculpa de compartir uns petiscos nunha sorte de networking de carácter local, no que desta volta poderase degustar empanada de bonito, tosta de queixo, cruxente de iuca, culler de salpicón, bricks de queiro e roxón, croquetas de marisco, zamburiñas ao forno, brochetas de cordogs e unha sobremesa de minipasteis variados.
Desta volta o encontro celebrarase no restaurante Boavista, no andar superior da sede social do Sporting Club Casino, cunhas grandes vistas sobre o porto coruñés, e que está a poucos metros da sede de Afundación A Coruña, que acolle nestas datas a mostra Galicia 100. Obxectos para contar unha cultura, que os asistentes poderán visitar ás 18:00 horas contando cun guía de excepción, Manuel Gago, o comisario da exposición que a través dunha serie de obxectos representativos (entre os que non falta un computador IBM 1130 de 1969) consegue achegarnos a distintos momentos da historia de Galicia.

PUBLICIDADE