O Concello de Ames e a Xunta visitan as dependencias de Ozono

martes, 10 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

O Goberno local de Ames segue adiante cos seus itinerarios polo tecido produtivo do concello. Se hai uns días falamos da visita ás dependencias da tecnolóxica Tecalis, este 10 de xullo foi a quenda doutra empresa innovadora do sector: Ozono, situada no Polígono de Novo Milladoiro. Na visita á sede de Ozono Multimedia, especializada en desenvolvemento de software, SAT e consultoría, participaron o alcalde de Ames, José Miñoñes, a concelleira de Promoción Económica, Isabel González, e máis o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro.
Ozono, para quen non o saiba, é unha sociedade laboral TIC que dende 2002 deseña e habilita páxinas web, aplicacións móbiles, sitios de comercio electrónico e software especializado. O seu eido é o software opensource desde a base ou en código fonte xa desenvolvido. Está integrada por sete socios e centra boa parte dos seus esforzos na creación de produtos verticais de xestión empresarial e servizos SaaS (Software as a Service). Segundo puideron comprobar os participantes na visita, un dos puntos máis salientábeis deste proxecto empresarial é a oferta de servizos expertos de alto valor engadido e a súa destacada calidade
Na cita de hoxe lembrouse que a entidade foi beneficiada cunha das axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria do Programa Aprol, que teñen como obxecto “fomentar a incorporación de persoas desempregadas e persoas traballadoras temporais a cooperativas e sociedades laborais e apoiar o desenvolvemento de proxectos de emprendemento colectivo en empresas de economía social”. Así, dende a Xunta de Galicia apoiouse a esta empresa para a incorporación de dous novos socios.

PUBLICIDADE