O Concello de Culleredo estrea aplicación para iPhone

luns, 25 de marzo do 2013 Marcus Fernández

O Concello de Culleredo estreou estes días unha aplicación móbil desenvolvida pola empresa coruñesa Movendo, dispoñible inicialmente para iPhone (está en desenvolvemento a súa versión para móbiles Android), e que busca achegar ao peto do cidadán información municipal dun xeito inmediato, así como facilitar a interacción co goberno local, iniciativa na que aseguran ser pioneiros a nivel galego.
A aplicación conta con 6 apartados fundamentais: novas (coa actualidade municipal), fotos (fotografías dos principais espazos de Culleredo, que poden gardarse e compartirse), directorio (con información de servizos dos diferentes departamentos municipais), Culleredo (reportaxe turística do Concello), Suxestións (para enviar comentarios, queixas ou reclamacións) e incidencias (que busca a participación cidadá, permitindo que os veciños poidan dar conta dalgún estrago nas rúas remitindo unha fotografía ou vídeo e unha descrición para que o Concello poida actuar ao respecto).
A aplicación tamén conta cun apartado sobre o Plan Dinamo (financiado con fondos FEDER, que foi o que propiciou o desenvolvemento desta ferramenta) e información sobre o estado meteorolóxico de Culleredo e un saúda de Julio Sacristán, alcalde do municipio, quen asegura sentirse “orgulloso” de que Culleredo sexa pioneiro entre os concellos galegos en contar cunha aplicación destas características da que coida que “terá unha grande aceptación entre os veciños, pois ten un funcionamento moi sinxelo e se pode obter moi rapidamente toda a información que se inclúe”.

PUBLICIDADE