O Concello de Pontevedra prepara unha galipedia da memoria das nosas mulleres

martes, 5 de novembro do 2013 Redacción

Mulleres de Salcedo traballadoras da Tabacaleira

O Concello de Pontevedra vai botar man das novas tecnoloxías para reivindicar o papel da muller na sociedade galega. Máis polo miúdo, botará man do eido da Rede que máis claramente colle a testemuña do coñecemento enciclopédico, de aí que xa se estea a coñecer este proxecto como a galipedia das mulleres. Amais deste compoñente de fonte de información accesíbel dende calquera recanto, o Concello de Pontevedra tamén quere tirar partido dun xeito de traballar que a Internet semella estar poñendo de novo en valor e que na nosa terra coñecemos ben dende hai séculos: o xeito de traballar colectivo e cooperativo. A iniciativa en cuestión chámase A memoria das mulleres e sustentarase sobre un gran fondo documental, fotográfico e audiovisual.
A intención é conseguir que partindo dunha base local (un acubillo en liña que abranguerá a historia das mulleres do concello de Pontevedra), se chegue a conceptos de alcance universal (a fin de contas, o esquecemento ao que se ten sometido á muller é un dos grandes lastres que afectan de xeito común a tódolos pobos, en maior ou menor medida). O proxecto do Goberno de Pontevedra fará, neste senso, especial fincapé na muller traballadora, “a máis silenciada”. A enciclopedia virtual que lles dea acubillo será, como dixemos, unha iniciativa aberta, viva e cooperativa. A intención é abranguer biografías dende o século XI aos nosos días.
O obxectivo é mobilizar centros educativos, asociacións e todo tipo de axentes sociais coa finalidade de desvelar esta parte do noso pasado (por así dicilo, a metade do noso pasado) que fica aínda no descoñecemento. Unha das liñas de traballo principais será a posta en valor da memoria oral (gravacións, entrevistas). Para ir dándolle forma a actividade a seguir, celebrase unha xuntanza cos centros e axentes interesados o vindeiro 7 de novembro. O Concello xa abriu unha conta de correo para achegar máis información ao respecto, mulleresememoria@gmail.com. Por certo que a iniciativa vén da man das Concellarías de Patrimonio Cultural, Muller e Cultura e Dinamización Sociocultural de Pontevedra. Todo o proxecto centralizarase a través dunha plataforma web dende a que se irán xerando actualizacións, publicacións, eventos divulgativos, mesas redondas, obradoiros e exposicións.

PUBLICIDADE