O Concello de Santiago adxudicou o servizo local de telecomunicacións a Telefónica

luns, 26 de setembro do 2016 Redacción

O Goberno compostelán acordou o pasado venres adxudicar á UTE (Unión Temporal de Empresas) integrada por Telefónica Móviles S.A e Telefónica de España SAU o Servizo Corporativo de Telecomunicacións e o Servizo de Centro de Atención ao Usuario do Concello de Santiago. A intención do Executivo local foi “dar resposta a unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que anulou a adxudicación feita inicialmente en decembro de 2013 e que foi ratificada en marzo de 2014”.
No fallo xudicial sinalábase que unha das empresas que optaban ao contrato, que non era outra que Telefónica, fora excluída “de maneira inxustificada” dese proceso, que finalizou cun contrato coa empresa R. A sentencia obrigaba ao Concello a facer un novo estudo de todas as candidatas. Este traballo rematou co acordo do pasado venres da xunta do Goberno compostelán.
A adxudicación ten un importe de 239.213,18 euros, máis IVE de 50.234,77 euros. A UTE Telefónica Móviles S.A-Telefónica de España SAU ocuparase dos servizos de telefonía fixa, telefonía móbil, comunicacións de datos e servizos adicionais, así como do CAU. Ademais e como mellora, “comprometeuse á instalación dun sistema de almacenamento no consistorio”, sinalou o alcalde Martiño Noriega.

PUBLICIDADE