O Goberno aproba a nova Lei Xeral de Telecomunicacións

venres, 13 de setembro do 2013 Redacción

O ministro de Industria, Enerxía e Turismo, José Manuel Soria na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros

O Consello de Ministros aprobou o Proxecto de Lei Xeral de Telecomunicacións, por proposta do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, actualizando a normativa para adaptala aos profundos avances que viviu o sector das telecomunicacións e para favorecer o desenvolvemento futuro da economía dixital, que o Goberno considera un dos piares económicos con máis potencial de crecemento no noso país.
A nova Lei busca crear o marco axeitado para facilitar os investimentos necesarios para o desenvolvemento desta economía dixital, eliminando barreiras e fomentando a competitividade e a protección do usuario. Entre as novidades, simplificarase o despregamento de novas redes, favorecendo o uso compartido de infraestruturas entre compañías e eliminando trabas para a concesión de licenzas.
Ademais, a nova Lei asegura a unidade de mercado e marca as bases para o investimento en redes ultrarrápidas fixas e móbiles.
O Proxecto de Lei actualiza a normativa vixente que data de 2003 e resolve determinadas cuestións que afectaban negativamente á competitividade dos operadores de telecomunicacións, como o son a penalización do despregamento de novas redes, o investimento e a provisión de servizos. Pola súa banda, os usuarios verán melloras na cobertura, un incremento da velocidade de Internet e a redución de prezos e custos. Ademais, mellórase a protección ao usuario.
A nova Lei Xeral de Telecomunicacións insírese dentro do Plan Nacional de Reformas que está a levar a cabo o Goberno como parte esencial da política económica. Esta enmárcase dentro do impulso á economía dixital que o Executivo puxo en marcha e cuxo eixe central é a Axenda Dixital para España.

Principais modificacións


O Proxecto de Lei Xeral de Telecomunicacións introduce reformas estruturais no réxime xurídico das telecomunicacións, con dous obxectivos principais:
1 - Facilitar o despregamento de redes de nova xeración, tanto fixas coma móbiles, ampliando a súa cobertura.
2 - Mellorar a oferta de servizos innovadores aos cidadáns, de maior calidade e a uns prezos máis alcanzables, impulsando unhas condicións máis efectivas de competencia.
A consecución destes dous obxectivos lévase a cabo a través da nova normativa, que se basea en catro grandes piares:
1 - Impulso á competencia e mellora dos servizos aos usuarios. A competencia é un instrumento esencial para garantir uns mellores servizos aos usuarios finais, uns prezos máis axustados e que se manteña o esforzo de investimento e innovación característicos do sector das telecomunicacións.
2 - Recuperación da unidade de mercado, de maneira que os operadores de telecomunicacións desenvolvan a súa actividade nun contexto de regras únicas na toda a xeografía española. Mediante esta actuación compleméntase e reforza a lei de garantía de unidade de mercado dende a lexislación sectorial.
3 - Simplificación administrativa: eliminaranse as barreiras normativas que as distintas Administracións impoñen ao despregamento de redes e a prestación de servizos de telecomunicacións.
4 - Facilitar o despregamento de redes: reducir os custos de maneira que os operadores poidan ampliar a cobertura das súas redes e dispoñan de maior marxe para trasladar aos prezos finais a devandita redución de custos.

Outras modificacións


A nova Lei reforza o control do dominio público radioeléctrico e modifica outros textos legais como a Lei 34/2002, do 11 de xullo, de Servizos da Sociedade da Información e de Comercio Electrónico introducindo precisións sobre as cookies. Neste apartado, clarifícanse as obrigas e os responsables da súa correcta xestión, como por exemplo as redes publicitarias ou axencias que non tivesen adoptado medidas para esixir do editor ou prestador do servizo o cumprimento dos deberes de información e a obtención do consentimento do usuario.
O texto cambia á súa vez a Lei 59/2003, do 19 de decembro, de firma electrónica de forma que os certificados recoñecidos utilizados no DNI electrónico pasan a ter unha duración de 5 anos, e non de 2 anos como ata agora.

PUBLICIDADE