O Goberno galego elabora unha guía para definir o significado da responsabilidade social no sector TIC

martes, 16 de decembro do 2014 Redacción

Onte celebrouse a presentación da Guía de Boas Prácticas de RSE do sector TIC galego, á que acudían a directora xeral de Traballo e Economía Social, Carmen Bouso, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira. O documento en cuestión pretende responder ao que significa a responsabilidade social empresarial (RSE) para o sector TIC galego, como acadala e que achega a tecnoloxía á RSE. Dicir que nesta xornada tamén se presentou o informe comparativo sobre a RSE no sector TIC de Galicia, Navarra, Tenerife, Val do Minho e Estremadura.
A guía
- que xa se sumou ás que xa se teñen publicado no eido do RSE en sectores estratéxicos como o téxtil, o conserveiro, a automoción e a madeira- forma parte do traballo que se vén realizando este ano para impulsar e fomentar a visibilidade e difusión das iniciativas introducidas en materia de RSE por parte das empresas do eido das TIC, un dos obxectivos do protocolo de colaboración para a promoción da RSE nas empresas do sector tecnolóxico asinado entre a Consellería de Traballo e Benestar, a AMTEGA e as asociacións representativas do sector TIC.
A directora xeral de Traballo lembrou que a Consellería de Traballo e Benestar lidera o proxecto Rede Transrexional de Impulso da RSE que aposta pola responsabilidade social empresarial como elemento fundamental para acadar un elevado nivel de competitividade e sustentabilidade por parte das PEME. Nesta iniciativa, co-financiada polo Fondo Social Europeo (FSE), participan como socios as administracións do Goberno de Navarra, do Cabido Insular de Tenerife, Uniminho/Asociación do Vale do Miño Transfronteirizo e do Goberno de Estremadura.
A directora da AMTEGA sinalou que a primeira Guía de Boas Prácticas de RSE do sector TIC galego amosa 26 exemplos reais de empresas que levaron a cabo e consolidaron estratexias ou accións de Responsabilidade Social Empresarial na súa organización. E que tanto esta iniciativa coma o Estudo do grao de introdución da RSE no sector tecnolóxico galego son froito do acordo asinado hai un ano entre a AMTEGA, a Consellería de Traballo e Benestar e as asociacións AGASOL, AGESTIC, EGANET e o Clúster TIC.

PUBLICIDADE