O Goberno informa que serán as operadoras as encargadas de evitar interferencias entre TDT e 4G

luns, 1 de decembro do 2014 Redacción

O comezo da liberación do Dividendo Dixital, do que tanto se fala ultimamente, trae unha realidade nova para as operadoras de telecomunicacións: deixaralles ceiba e despexada a frecuencia de 800 Mhz para poder usala coas redes de telefonía 4G. Isto será factíbel o 1 de xaneiro, e segundo o Goberno, todo irá coma a seda. Ou sexa, que non haberá problemas de incidencias nin interferencias ao ter que compartirse o espectro natural da Televisión Dixital Terrestre coa devandita tecnoloxía móbil (as probas en Zamora así o demostran, informa o Executivo). O Goberno engade a este respecto que tampouco haberá custes para os cidadáns, xa que “o proceso correrá a cargo dos operadores de telecomunicacións”. Porén, hai voces críticas que din que si que haberá problemas de recepción, como as de SES Astra ou Avitel, que nos advirten de que a convivencia entre televisión e 4G si que traerá interferencias.
Este proceso do que falamos, o proceso que terán que asumir as compañías, non é outro que a posta en marcha das probas e actuacións preventivas precisas para garantir “as condicións existentes de recepción do servizo de televisión nas zonas delimitadas que presentan maior afectación”. Ou sexa, para asegurar que nestas zonas a TDT sexa posíbel seguir vendo coma até o de agora. Estas áreas de posíbel afectación, sinala o Goberno, son moi limitadas “e poden solventarse de maneira satisfactoria”. Por certo que as interferencias virían dadas pola propia actividade das estacións de comunicacións móbiles. Ao fío disto, as operadoras estarán obrigadas a velar para que iso non ocorra. Ou sexa, Telefónica, Vodafone e Orange, que son as que contan con licenzas para o 4G na devandita banda do espectro. No caso de que os cidadáns rexistren algún tipo de anomalía ou problema, poderán dirixirse especificamente á Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información (SETSI) para reclamar isto. Polo tanto, o plan do Goberno é que as operadoras sigan a pagando a factura da liberación da banda de 800 Mhz, polo que terán que encargarse de crear un centro de atención á cidadanía para recoller e tramitar as queixas no caso de que se produzan interferencias entre a TDT e o 4G.

PUBLICIDADE