O Goberno recúa nas súas pretensións de que os buscadores paguen ás compañías de telecomunicacións
martes 9 de marzo do 2010, por | |
| Compartir |
As polémicas
declaracións de César Alierta, presidente de Telefónica, asegurando
que os buscadores de Internet deberán pagar ás operadoras de telecomunicacións
por usar as súas redes, parecen non
estar a acadar os apoios que algúns agardaban, de xeito que a proposta
anteriormente redactada polo Goberno español para solicitar a regulación
comunitaria dos «intermediarios de
Internet» (os buscadores) para forzalos a contribuír economicamente no
sostemento das infraestruturas de rede vén
de sufrir unha modificación que parece deixar de lado as anteriores ameazas á
neutralidade da Rede.
O novo documento limítase a destacar que haberá que estudar as «posibles posicións de abuso» que poidan
ter lugar por parte de axentes que non estean relacionados directamente coa infraestrutura
de rede, ou sexa, que pásase dunha reclamación económica a unha mera precaución
anti-monopolística. Deste xeito, as intencións dalgunhas operadoras de
telecomunicacións vense frustradas ante a imposibilidade de actuar contra o
regulamento vixente.
Nesta mesma liña, Rosa María García, vicepresidenta de Microsoft para Europa
occidental, nunha intervención en Martins Esade, declarou estar en contra de
que os provedores de servizos paguen por utilizar a infraestrutura de
comunicacións e pediu
a Telefónica «claridade» á hora de
definir se son os provedores ou os consumidores de servizos os que deben pagar.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68














