O Grupo Euskaltel quere ampliar mercado e chegar a 7,6 millóns de usuarios
luns, 13 de novembro do 2017
- O conselleiro delegado do Grupo Euskaltel, Francisco Arteche
O
Grupo Euskaltel, formado polas operadoras Euskaltel (Euskadi), R
(Galicia) e Telecable (Asturias), vén de compartir hoxe as súas
previsións de medre e espallamento para a beira norte da Península.
Segundo fixo saber en persoa o conselleiro delegado do Grupo,
Francisco Arteche, o obxectivo ao cabo do proceso de expansión
(proceso impulsado coa compra recente de R e Telecable) é chegar
a un mercado de 7,6 millóns de persoas ao longo dos vindeiros cinco
anos. Os datos foron achegados por Arteche durante a xornada de
Investor Day, desenvolvida pola empresa en Bilbao ante
investidores e analistas. Amais do devandito, entre o máis
salientábel do informe figura a intención do Grupo de afianzarse en
Navarra, León, Cantabria e A Rioxa. Ou sexa, nas contornas lindeiras
cos mercados naturais das tres operadoras.
Arteche
tamén explicou que a estratexia de medre do Grupo desenvolverase
“baixo dous enfoques estratéxicos”. Por unha banda, o
espallamento da súa cobertura de rede nas zonas que aínda non
dispoñen de acceso ao seu servizo nos mercados naturais nos que xa
desenvolve a súa actividade (é dicir, Euskadi, Galicia e Asturias,
que ten previsto engadir á cobertura da súa rede de fibra 80.000
novos fogares e 6.200 novas empresas deste tres territorios), un
proceso que será posíbel grazas ao acordo acadado con Orange, que
permitirá ao Grupo tirar proveito das redes FTTH despregadas por
Orange nestas zonas. Por outra banda, a estratexia abrangue o
afianzamento nos territorios lindeiros citados, unha liña de
traballo que comezará o seu desenvolvemento en 2018 coa actividade
de Euskaltel en Navarra (comezando por Iruña-Pamplona e logo por
Ansoain).