O Messenger xa pode empregarse sen conta de Facebook

venres, 17 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Aínda que en España a mensaxería instantánea dende o móbil é practicamente unha exclusiva de WhatsApp, en territorios como o norteamericano gozan de popularidade outras ferramentas como o Facebook Messenger, que hai preto dun mes deu un importante salto ao permitir que os usuarios de Canadá, EE.UU., Perú e Venezuela puidesen darse de alta na aplicación directamente co seu número de teléfono, ou sexa, sen contar cunha conta de usuario en Facebook, de xeito que poderán gozar do intercambio de mensaxes, fotografías, vídeos, conversas en grupo, videoconferencias... sen ter que darse de alta nunha plataforma social como Facebook (pola que poden non ter interese).
Esta segregación do Messenger de Facebook vén de aplicarse agora a escala global, de xeito que xa podemos empregar esta ferramenta de comunicación sen identificarnos cunha conta de usuario de Facebook, chegando así a un público potencial moi superior, e reducindo a distancia que separa a WhatsApp do Facebok Messenger (que cada día é máis curta, pese á impresión que temos os usuarios españois, que estamos nun contorno excepcional no que unha única aplicación domina o mercado de xeito case absoluto).

PUBLICIDADE