O Moto E4 Plus será o teléfono ideal para os que buscan unha boa autonomía

luns, 12 de xuño do 2017 Marcus Fernández

Aínda que podía dar a impresión de que os novos Moto C e Moto C Plus serían os smartphones sucesores da familia Moto E, Motorola anunciou hoxe os novos Moto E4 e Moto E4 Plus, unhas importantes actualizacións do seu catálogo de terminais móbiles que chegan para atender a demanda de teléfonos económicos, fiables e solventes que poidan gozar dunha boa autonomía.
Por unha banda o Moto E4 conta cunha pantalla de alta definición de 5 polgadas, procesador de 4 núcleos, 2 GB de RAM, 16 GB de almacenamento, conectividade 4G, cámaras de 8 e 5 Mpíxeles e batería de 2.800 mAh, a súa carcasa de metal estará dispoñible en varias cores e venderase en exclusiva a través de Amazon a un prezo de 149 euros.
Pero máis rechamante é o Moto E4 Plus, un teléfono que leva a súa pantalla até as 5,5 polgadas, o que supón un incremento de tamaño que facilítalle a integración dunha batería de 5.000 mAh, o que suporá unha autonomía impresionante que non se verá prexudicada con grandes sesións de recarga xa que funcionará cun cargador rápido de 10 watts, de xeito que con só uns minutos de carga teremos horas de autonomía. A súa cámara traseira é de 13 Mpíxeles con enfoque automático e apertura f/2.0 e a cámara frontal de 5 Mpíxeles inclúe flash para selfies. Chegará con 3 GB de RAM, Android 7.1 e o seu prezo de venda será de 199 euros. En ambos casos espérase que os terminais estean dispoñibles en Amazon.es a partires do vindeiro día 22.

PUBLICIDADE