O Northwest Startup Day encherá Compostela de casos de éxito TIC

venres, 20 de maio do 2016 Redacción

Onte anunciábase a celebración do Northwest Startup Day (NOS Day), un ciclo de conferencias levadas a cabo o sábado 28 de maio e organizadas por cinco galegos fundadores e traballadores de startups no exterior. A presentación do NOS Day corría a cargo da concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois acompañada de dous dos organizadores do evento, David Pombar (director executivo de SetPay) e Paloma Barreiro (directora de Barrabés Galicia). A meta deste encontro é achegar o meirande valor posíbel a aquelas persoas implicadas en startups ou que pretenden desenvolver unha iniciativa empresarial destas características, a partires de coñecemento medido, validado e transferíbel.
E para aqueles que descoñezan que se agocha detrás do termo startup, este pode definirse como unha empresa de nova creación que presenta unhas grandes posibilidades de crecemento e, en ocasións, un modelo de negocio flexíbel con capacidade de adaptación e evolución. Aínda que con startup tamén podemos referirnos a compañías de calquera eido, normalmente emprégase para aquelas que teñen un forte compoñente tecnolóxico e que están relacionadas con Internet e as Tecnoloxías da Información e da Comunicación.
E volvendo ao NOS Day, as conferencias celebradas o 28 de maio correrán a cargo de persoas que desenvolveron ou traballan en startups de éxito: Rubén Ferreiro (CEO do grupo VIKO e Business Angel de empresas coma Ulabox ou Glovo); Paloma Barreiro (directora de Barrabés Galicia e cofundadora de Atlantic MTA); Javier Gómez (ex directivo de banca que deixou o seu posto para crear todotaladros.com); Claudia Alcelay (de Certificación PM) que contará como o seu side-project chegou a formar a máis de 10.000 alumnos e alumnas en diferentes países; e Alberto Barreiro (responsábel de experiencia do Grupo Prisa).
Para atopar máis información sobre o evento ou inscribirse no mesmo cómpre consultar a web de NOSDay.

PUBLICIDADE