O OSIMGA amplía este ano as súas liñas de estudo

mércores, 25 de maio do 2016 Redacción

O pleno anual do Observatorio da Sociedade da Información e a Comunicación de Galicia (OSIMGA) celebrouse esta mañá en Santiago de Compostela, presidido pola directora da AMTEGA, Mar Pereira, que deu conta das medidas desenvolvidas no primeiro ano da Axenda Dixital de Galicia 2020. En 2015 a Axenda Dixital para 2020 mobilizou 158 millóns de euros nas actuacións das súas cinco liñas estratéxicas: Valoración da Administración, Énfase na vida Dixital, Aceleración da Economía Dixital, Estímulo ao Crecemento do Sector TIC e Articulación Dixital do Territorio.
O OSIMGA amplía o seus ámbitos de análise con tres novos estudos específicos sobre: o uso das TIC entre as persoas maiores e entre as persoas con discapacidade; e a situación da sociedade da información no rural e tamén presentará este ano dous traballos ligados a medidas da Axenda Dixital de Galicia 2020: Mapa da Innovación Social Dixital en Galicia, enmarcado no Plan de Inclusión; e o estudo sobre a Demanda de novos Perfís Dixitais, contemplado no Plan TransformaTIC. O Observatorio realizou o pasado ano un total de 40 informes e a súa web recibiu máis de 100.000 visitas.
O traballo do OSIMGA permite coñecer o nivel de desenvolvemento, a tendencia e os problemas que poden afectar á extensión da Sociedade da Información na Comunidade e facilita a definición das políticas públicas neste ámbito. Ademais, o Observatorio é o organismo encargado do seguimento e avaliación das medidas políticas tecnolóxicas da Administración autonómica.

PUBLICIDADE