O P3 connect Mobile Benchmark constanta a mellora das redes móbiles en España

martes, 29 de novembro do 2016 Marcus Fernández

A compañía internacional de servizos de consultoría, enxeñaría e probas, P3, vén de presentar os resultados do seu Mobile Benchmark de 2016, co que miden a calidade do servizo de telefonía móbil dos catro operadores con rede de seu no noso territorio, resultando gañador absoluto Vodafone, grazas ao bo funcionamento da súa rede de voz e datos, aínda que cómpre destacar que o resto de compañías tamén melloraron os seus resultados conforme ao estudo realizado pola mesma compañía hai un ano.
Para o estudo das redes de Vodafone, Movistar, Orange e Yoigo dende P3 realizaron medicións en cidades e poboacións máis pequenas, así como ao longo de 6.500 quilómetros das principais estradas de España. Nesta valoración Vodafone colocouse en cabeza con 865 puntos, seguida por Movistar (836 puntos), Orange (822 puntos) e Yoigo (631 puntos), resultando notable a distancia deste último operador co resto.
Para as probas P3 equipou un vehículo para poder realizar chamadas de voz e conexións de datos 3G e 4G mediante smartphones, para logo medir en áreas metropolitanas, vilas e estradas a calidade das chamadas de voz, as taxas de éxito das chamadas, as velocidades de carga e descarga de arquivos, o acceso a páxinas web e o rendemento de vídeo dende móbiles.
O estudo pon de relevancia a constante mellora das redes móbiles, e prevé que para o ano que vén farase notar a voz a través de LTE e a mellor cobertura 4G como elementos que mellorarán tanto os servizos de voz como o de datos.

Resultados xerais do estudo
Detalle dos datos de voz analizados por P3 connect
Resultados da calidade das redes de datos móbiles

Vídeo de presentación do informe de P3 deste ano

PUBLICIDADE