O Parador de Santiago, de novo o máis destacado a nivel estatal segundo os internautas

venres, 29 de novembro do 2013 Redacción

Os responsábeis da web Trivago.es veñen de dar a coñecer oficialmente e a nivel xeral a súa listaxe (edición 2013) cos dez mellores paradores do Estado (nota en pdf), unha escolma que se encabeza polo establecemento con mellor reputación en liña. Pois ben, tal e como avanzamos os días pasados, temos boas novas para nós mesmos, os galegos, posto que as valoracións vertidas por centos de internautas na Rede (tanto en Trivago.es, a raíz das experiencias dos viaxeiros, como nas webs de reserva que o servizo compara) sitúan ao Parador de Santiago de Compostela como o mellor da listaxe. Dáse a feliz circunstancia de que se trata da terceira vez que o establecemento galego, dirixido polo fisterrán Xulio Castro, encabeza a devandita clasificación dos internautas.
Lembrar que o Parador de Santiago está considerado o hotel máis antigo do mundo (naceu como Hospital Real no ano 1.499 para albergar aos peregrinos). Situado na Praza do Obradoiro ao carón da Catedral, sinala Trivago, é un dos atractivos que máis gustan aos seus hóspedes, tanto polas súa rica arquitectura e patrimonio artístico (ten castro claustros e amplas e luxosas estancias) como polo servizo achegado.
Polo que respecta a Trivago.es, lembrar que se trata dunha ferramenta en liña que compara prezos de hoteis e que axiliza os procesos de procura e reserva amosando en tempo real os prezos de máis de 700.000 hoteis en todo o mundo integrados en 160 portais de reserva dixital. Ademais, integra ao redor de 82 millóns de resencións de hoteis e 14 millóns de fotos que facilitan a procura do establecemento ideal para os usuarios. Fundada en Dusseldorf (Alemaña) en 2005, a web Trivago conta arestora con plataformas en 39 países e 24 idiomas que reciben máis de 45 millóns de visitas ao mes.

PUBLICIDADE