O Pebble Time estrea modelo de aceiro e racha marcas en Kickstarter

martes, 3 de marzo do 2015 Marcus Fernández

O Pebble Time xa está liderando a listaxe dos proxectos con maior financiamento en Kickstarter

O novo Pebble Time está a rachar todas as marcas existentes en Kickstarter, e tras completar o seu financiamento en 17 minutos e ser o proxecto que máis rápido superou o millón de dólares nesta plataforma de micromecenado, agora conseguiu superar os 13,29 millóns de dólares que xuntara a Coolest Cooler, de xeito que xa é oficialmente o proxecto en Kickstarter con maior recadación da historia, cando aínda faltan 23 días para que remate a súa campaña de captación de financiamento.
Pero a cousa non remata aí, e para que este smartwatch con pantalla de papel electrónico de cor consiga convencer a aínda máis compradores dá un paso decisivo e, sen agardar a lanzar o Pebble Time, engaden ao proxecto o Pebble Time Steel, versión do reloxo con carcasa de aceiro que consegue un acabado máis elegante e incluso mellora a súa batería para que dure até 10 días de uso normal.
Estará dispoñible en tres cores distintas (negra, prata e ouro) e incluirá dúas correas (coiro e aceiro inoxidable), e conserva o resto de características do modelo anterior (como resistencia á auga e a posibilidade de empregar correas estándar de 22 milímetros). En vez de maio, estes novos reloxos comezarían a remitirse aos seus mecenas en xullo. O seu prezo en Kickstarter é de 250 dólares (223,64 euros) o que supón un aforro sobre os 299 dólares que custará cando saia á venda de xeito ordinario e os mecenas que optasen previamente por adquirir un Pebble Time terán agora a opción de actualizar a súa achega para poder recibir como recompensa un Pebble Time Steel.
Este novo modelo do Pebble Time parece ser un grande acerto, que está a disparar os pedidos a través de Kickstarter, xa que o modelo Steel en cor prata ou negro resultan moi atractivos para os usuarios que mercasen anteriormente un Pebble Steel, mentres que a versión con acabado dourado pode resultar especialmente atractivo para os que gusten do Apple Watch, reloxo de pulso ao que dá a impresión que busca parecerse.

O Pebble Time Steel de cor ouro parece querer asemellarse a un Apple Watch

PUBLICIDADE