O Portal de Interoperabilidade da Xunta incorpora os permisos para exercer a actividade pesqueira e marisqueira

luns, 30 de maio do 2016 Redacción

A Xunta vén de incorporar ao seu Portal de Interoperabilidade pasaXe! un novo certificado, o permiso para exercer a actividade pesqueira e marisqueira, permex. Así, os máis de 3.700 galegos que dispoñen deste documento acreditativo xa non terán que presentalo naqueles trámites administrativos de calquera administración pública que os requiran. A integración destes novos servizos formalizouse coa sinatura dun convenio entre a conselleira do Mar, Rosa Quintana e a directora da AMTEGA, Mar Pereira.
Pasaxe! é a plataforma tecnolóxica que permite o intercambio de información entre as administracións, evitando ao cidadán achegar documentación que xa obra en poder delas. Ademais, reduce a documentación necesaria para xestionar un expediente e unifica nun único punto as relacións con outras administracións. No último ano, Pasaxe! evitou a petición de máis de 1,8 millóns de documentos ou certificados a cidadáns e empresas para a realización de trámites administrativos.
Con esta nova incorporación, pasaXe! permite consultar 36 tipos de certificados como o de identidade, dependencia, a renda, datos catastrais, estar ao corrente do pagamento das obrigas tributarias, datos catastrais, títulos universitarios, certificados de nacemento, matrimonio ou defunción ou a alta na Seguridade Social, entre outros. Son documentos achegados por 14 entidades distintas, incluíndo a propia Xunta (Ministerios de Educación, Facenda e Administracións Públicas, Dirección Xeral de Policía, Instituto Nacional da Seguridade Social....) e a Comunidade autónoma de Navarra.

PUBLICIDADE