O Portal de Transparencia de Lugo rexistrou 2.500 visitas en tres meses

martes, 30 de agosto do 2016 Redacción

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez

O Concello de Lugo vén de facer reconto da actividade e do seguimento xerados por un dos seus instrumentos dixitais máis orientado a ceibar de atrancos a comunicación coa cidadanía. Falamos do Portal de Transparencia, que recibiu máis de 2.500 visitas dende a súa posta en funcionamento, o pasado mes de maio. Segundo informa o Goberno local, “nos tres meses que leva activo este portal houbo 975 visitantes distintos, que visitaron o portal cunha duración media da sesión de 1 minuto e 25 segundos, vendo unha media de 2,23 páxinas”.
O 43% dos elementos máis vistos refírense á composición, forma de designación e convocatorias das Mesas de Contratación, así como aos enderezos electrónicos tanto da alcaldesa como dos concelleiros do Goberno Municipal. Ademais, cómpre salientar, por número de visitas, os datos biográficos da rexedora e dos concelleiros, a oferta pública de emprego e as ordes do día dos Plenos.
Segundo lembra o Concello, neste novo portal a cidadanía pode atopar 78 entradas con información, estruturada en 6 grandes apartados sobre a corporación, servizos, economía, contratación, urbanismo e obras, e medio ambiente. Entre os seus obxectivos fundamentais atópase o seguinte: “Facilitar o acceso da cidadanía á información pública”.

PUBLICIDADE