O Portal de Transparencia superou as 30.000 visitas e as 200.000 páxinas vistas

luns, 29 de agosto do 2016 Redacción

O Goberno galego vén de facer reconto da actividade xerada até hoxe polo Portal de Transparencia de Galicia, unha iniciativa en liña posta en marcha este inverno (coincidindo coa entrada en vigor da Lei de Transparencia e Bo Goberno) co obxectivo de converterse nun “punto único, directo e centralizado” de toda a información que deba facerse pública á cidadanía. Segundo informa a Xunta, o portal xa recibiu máis de trinta mil visitas desde a súa activación.
A Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), foi a encargada do desenvolvemento do portal, que botou a camiñar o pasado 7 de marzo. O obxecto da plataforma, como puidemos saber daquela, é dar cumprimento, entre outras, ás obrigas de publicidade activa previstas na normativa en materia de transparencia.
Nos catro meses que leva activo o portal houbo 32.248 visitantes distintos que consultaron 219.169 páxinas. Segundo informa a Xunta, “as páxinas máis visitadas están relacionadas coa normativa en tramitación, que recibiu 15.174 visitas, os membros do Goberno e altos cargos, con 14.840 visitas, e a información sobre contratación pública, con 5.665 visitas”.
Ademais, recibíronse 115 solicitudes de acceso a información pública, entre as que a devandita Dirección Xeral e AMTEGA salientan as relativas a persoal (24), subvencións (14), información institucional, organizativa e de planificación (14) ou de relevancia xurídica (7), entre outros asuntos.
Das 115 solicitudes, 38 foron presentadas a través de medios electrónicos e 77 en papel. Por departamentos, o maior número de solicitudes recibiunas a Consellería do Mar, cun 21 por cento, seguida da Vicepresidencia, co 19 por cento, e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, co 15 por cento das consultas.
Respecto das peticións atendidas e resoltas, os devanditos departamentos informan que das solicitudes recibidas nestes meses, “83 xa foron resoltas e o resto están en prazo legal para a súa contestación”. Das resoltas, 12 non foron admitidas, “ben por ser precisa unha acción previa de reelaboración, por referirse a información de carácter auxiliar ou de apoio, ou ben por dirixirse ao órgano equivocado”.

PUBLICIDADE