O Programa Primare potenciará a agricultura dixital

xoves, 27 de outubro do 2016 Redacción

Empresas do sector tecnolóxico e representantes de entidades do ámbito agrario participaron hoxe nunha xuntanza sobre a consulta pública ao mercado aberta pola Xunta para aplicar solucións tecnolóxicas innovadoras ao sector agrario. O encontro foi inaugurado pola directora da AMTEGA, Mar Pereira, e a directora xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo.
Ambos departamentos colaboran no desenvolvemento do Programa Primare, que contempla a creación dunha plataforma tecnolóxica sobre a que se desenvolverán distintos servizos e solucións TIC para impulsar a innovación dos sectores primarios galegos. No ámbito agrario o obxectivo é avanza cara unha agricultura dixital, incorporando a tecnoloxía á xestión agrogandeira para mellorar e optimizar a súa produción.
O desenvolvemento da plataforma estase a levar a cabo polo procedemento de Compra Pública Innovadora. Este procedemento permite ás entidades interesadas presentar propostas de solucións tecnolóxicas, que actualmente non existan no mercado como produtos comerciais, e que dean resposta ás problemáticas concretas expostas pola administración.
O primeiro paso deste proceso foi a apertura o pasado 26 de setembro dunha consulta preliminar ao mercado, que hoxe se presentou ao sector tecnolóxico na Cidade da Cultura. Unha vez finalizada esta fase de consulta definiranse os proxectos concretos e abrirase o período de licitacións públicas para obter a solución tecnolóxica que mellor responda as necesidades expostas.
Responsables da AMTEGA e Medio Rural expuxeron hoxe ás entidades interesadas en presentar iniciativas que o obxectivo é desenvolver a tecnoloxía axeitada para avanzar cara unha agricultura dixital. Para conseguilo a Administración quere contar cunha plataforma que dote de novas ferramentas tecnolóxicas tanto a produtores como a xestores. Por unha banda, facilitará a xestións das axudas da PAC, a través de inspeccións intelixentes, que axilizarán o labor anual que se realiza en máis de 100.000 de parcelas ao ano. Por outra banda, permitirá aos agricultores contar con ferramentas tecnolóxicas para facer un seguimento dixital das súas parcelas e cultivos e facilitar as xestións por vía telemática coa administración.
Para abordar este reto, será necesario facer uso das últimas innovacións en tecnoloxías de Big Data, sensorización e uso de drons. Esta iniciativa enmárcase no convenio subscrito polo Ministerio de Economía e Competitividade, GAIN e a AMTEGA para o desenvolvemento de iniciativas innovadoras de uso civil que requiran do uso de vehículos non tripulados e conta cun financiamento de 4 millóns e euros achegados polo Ministerio de Economía e Competitividade e a Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE