O Programa de Voluntariado Dixital avaliouse como boa práctica de inclusión social a través das TIC

martes, 25 de marzo do 2014 Redacción

O Programa de Voluntariado Dixital foi elixido pola Comisión Europea como exemplo de boa práctica en materia de inclusión social a través das TIC e analizouse nun seminario de avaliación por pares celebrado hoxe en Compostela, encontro no que participaron representantes de 10 entidades correspondentes a 7 países europeos (Bélxica, República Checa, Polonia, Romanía, Suecia, Reino Unido e Portugal), así como unha representante da Dirección Xeral de Emprego, Asuntos Sociais e Inclusión da Comisión Europea, Emanuela Tassa; participando tamén na súa clausura o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e a directora da AMTEGA, Mar Pereira.
A directora da AMTEGA sinalou que o Programa de Voluntariado Dixital forma parte da Axenda Dixital 2014.gal, que arrincaba en 2010 cunha liña específica para acadar unha cidadanía dixital, capacitada para afrontar os retos da sociedade da información. Neste sentido, Pereira recordou que ao Voluntariado Dixital se suman outras medidas como a posta en marcha en 2011 da rede de aulas públicas CeMIT con formación dixital gratuíta, presente xa en todas as comarcas galegas con 98 centros e con máis de 32.000 usuarios rexistrados, e o Plan Abalar, no ámbito educativo, que está a transformar as aulas tradicionais en dixitais e do que xa se benefician 531 centros e 50.000 alumnos neste curso.
Pereira tamén destacou o esforzo na extensión de infraestruturas de telecomunicacións na Comunidade a través do Plan de Banda Larga da Xunta, que facilitou o acceso a Internet a máis 700.000 galegos sen cobertura en 2010. Estas medidas, sinalou, permitiron avanzar, pero para cumprir os obxectivos da Axenda Dixital Europa “debemos continuar traballando” e, nesta liña, indicou que se está a elaborar o Plan de Inclusión Dixital de Galicia, que se presentará antes do verán e que ten como obxectivo implantar un modelo global e universal de inclusión dixital na Comunidade.
Durante a primeira xornada do seminario presentáronse cinco experiencias do Programa de Voluntariado Dixital en colaboración con distintas entidades: a iniciativa de Tecnoloxía e Software Libre en Centros Penais Galegos, desenvolvida pola Asociación de Usuarios de Software Libre, MELISA; o Proxecto Centro de recursos para persoas con gran discapacidade física, realizada por COGAMI; o Proxecto Envellecemento Activo da Asociación Sociocultural Os Tilos; o Proxecto Educa R, do operadora R Cable e telecomunicacións; e a Plataforma de Crowdfunding Agora máis que nunca de Cruz Vermella.

PUBLICIDADE