O PuntoGal celebra o 25 de xullo con rebaixas e un carné de galego

mércores, 20 de xullo do 2016 Marcus Fernández

Para celebrar o Día de Galicia entre os días 25 de xullo e 7 de agosto o dominio .gal contará cunha rebaixa no prezo dos dominios galegos rexistrados a través de 101Domain, Arsys, CDmon, Dinahosting, DonDominio, Host Europe e OVH, que terán un prezo máximo de 20 euros + IVE, o que é unha excelente oportunidade para que entidades, empresas e mesmo particulares poidan facerse cun nome de dominio que amose a súa galeguidade na Rede ou que simplemente amose que os contidos baixo o dominio .gal están dirixidos a un público galego.
Amais a conmemoración vén acompañada cun agasallo especial na páxina web do dominio.gal, onde os usuario poderán personalizar, descargar e compartir nas redes sociais o seu propio Documento Galego de Identidade (DGI) electrónico, que busca axudar aos usuarios de dominios co sufixo galego a visibilizar o orgullo de ser galego e a utilización dun dominio de primeiro nivel que busca fornecer a presenza da nosa lingua e sociedade na Internet.
A Asociación PuntoGal aproveita tamén esta data tan simbólica para dar conta que renovou a súa presenza en liña, de xeito que en asociacion.gal achega información sobre a organización detrás dos dominios .gal, para así poder consultar a historia da creación dun dominio para a lingua e a cultura galegas, así como coñecer as entidades que apoian o proxecto; mentres que en dominio.gal teremos información sobre o prezo dos dominios de Internet, as campañas promocionais e os rexistradores autorizados.
ACTUALIZACIÓN (21-7-2016): Durante a xornada de onte os espazos web da Asociación PuntoGal tiveron problemas de funcionamento, posiblemente por mor da vaga de usuarios interesados na nova campaña, polo que vémonos na obriga de matizar que non estará dispoñible até o propio día 25.

PUBLICIDADE