O RACC achega unha aplicación de radares para trebellos iPhone e Android

venres, 19 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

O Real Automóbil Club de Catalunya, RACC, vén de presentar unha aplicación de radares para smartphones dirixida a facilitar a mellor información posíbel sobre os devanditos instrumentos de detección e seguimento de velocidade, fixos e móbiles, emprazados na rede de estradas españolas. A ferramenta, deseñada coa colaboración de RoadPilot, chámase RACC Radar e pretende achegar a base de datos máis actualizada e ampla sobre a cuestión. Está dispoñíbel para iPhone e Android, e tamén fornece información sobre controis de paso de semáforo en vermello. Emprega formatos visuais e sonoros deseñados especialmente para evitar distraccións ao volante.
A aplicación, feita por especialistas en seguridade viaria, salienta, en palabras da RACC, pola “calidade da información que subministra e pola cantidade de datos que acubilla, contrastada de xeito constante por un equipo de profesionais que percorre e verifica os emprazamentos dos radares de xeito periódico”. Amais de todo isto, engade o club, o usuario tamén pode personalizar os avisos e compartir coa comunidade de membros de RACC Radar os emprazamentos dos novos radares en tempo real.

PUBLICIDADE