O Wi-Fi de balde nas habitacións confírmase como o servizo preferido polos turistas

mércores, 23 de abril do 2014 Redacción

Mellor con Wi-Fi. Esta semella ser unha das grandes conclusións do estudo presentado hoxe por TripAdvisor, a web internacional de viaxes, no que se reflicten polo miúdo as opinións dos usuarios acerca de aloxamentos e cidades. Na enquisa TripBarometer, estudo semestral que vai pola súa terceira edición e que desenvolve a firma Ipsos, achéganse as valoracións persoais de máis de 61.000 viaxeiros e hostaleiros de todo o mundo, con 2.388 enquisados en España. Dáse a circunstancia de que cada entrega revela cambios importantes de hábitos e consumo, malia a brevidade relativa dos períodos. No último informe confirmouse entre outras cousas que a conexión Wi-Fi nas habitacións é o equipamento máis requirido polos viaxeiros españois, cun 79% dos enquisados (fronte ao 74% mundial).
O TripBarometer indica que isto “ten un impacto na súa decisión de reserva”. A consecuencia máis directa é que a día de hoxe o 86% dos hostaleiros ofrece xa acceso a Internet, sen fíos e de balde, nas súas habitacións. O estudo tamén salienta que o 23% dos hostaleiros españois integrárono durante este último ano como servizo adicional para os seus clientes.
Xa nun plano mundial, a investigación apunta a que un 91% dos viaxeiros emprega o seu smartphone durante as vacacións. Deste xeito, un de cada tres (37%) utilízao para buscar cousas que facer, e case unha cuarta parte (27%) para procurar aloxamento. No que se refire aos viaxeiros españois, usan os teléfonos intelixentes para chamar cando están de viaxe (81%), para mirar mapas e situarse (64%), consultar os seus correos electrónicos (57%) e mandar mensaxes (54%).
Por outra banda, o estudo confirma que o 66% dos viaxeiros mundiais reservou a súa última viaxe online. Un 31% declarou que a razón da súa elección deste método de reserva foi por ter un “mellor prezo”, mentres que unha cuarta parte dos enquisados reservou ao xeito tradicional. A maiores, o 4% dos viaxeiros a nivel mundial reservou o aloxamento do seu último viaxe a través de móbil. China leva a dianteira neste eido, cunha porcentaxe do 10% das reservas feitas a través do móbil.
A nivel de hostaleiros, a investigación achega o seguinte dato: tres de cada catro, xa teñen unha oferta móbil para os viaxeiros. Ademais, case a metade (45%) permite aos hóspedes reservar habitacións a través da súa web nun dispositivo móbil, e o 38% ten unha web compatíbel co móbil. No Estado, o 45% dos hostaleiros acepta reservas a través da súa web para accesos a través de móbil, fornece adaptadores para que os clientes non teñan que traer os seus (27%) e envía SMS aos seus clientes para confirmar os seus reservas (18%). Ademais, un 20% planea adaptar a súa web ao acceso por móbil este ano.

PUBLICIDADE